Saltar ao contido

Xela Arias

Cando unha cativa ou un cativo, reciben unha educación baseada na libre ensinanza e  no amor ao coñecemento, non é raro que estes dous piares os acompañen o resto da súa vida.

Isto foi o que aconteceu con Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003), unha muller que foi editora, escritora, profesora e activista, e que mantivo sempre unha actitude rebelde e transgresora.

Dende pequena Xela recibiu unha educación excepcional. Os tres primeiros anos da súa vida pasounos na Granxa Escola de Barreiros, onde o seu pai era director. Dende alí, a familia trasladarase a Lugo, onde Xela acode ao colexio de Fingoi, que tamén compartía os principios da libre ensinanza da Granxa Escola.  En Lugo, ela e a súa familia adoitarán recibir as visitas dos escritores e escritoras que por aquel entón,  frecuentaban aos faladoiros dos cafés da cidade. 

No ano 1969, a familia Arias Castaño trasládase a Vigo, unha cidade industrial en plena efervescencia que nada tiña que ver co que Xela coñecera ata entón. Alí prosegue coa súa educación en colexios de barrios obreiros, mentres a súa familia seguía mantendo  contactos con diferentes escritoras e intelectuais galeguistas. Nestes anos comezará a probar a súa valía coma escritora, chegando a gañar a IV Edición do Concurso de Contos da Asociación Cultural O Facho da Coruña.

Pasan os anos en Vigo, e os mesmos cambios que mudarán para sempre a face da Cidade Olívica, tamén inflúen no ser de Xela Arias.  Unha vez que rematou o Bacharelato, decide que non quere ir universidade, e con tan só 18 anos, comeza a traballar na recén creada Editorial Xerais. Alí, pronto comezará a realizar labores de tradución, mentres  que “entre Novalis. Almorzaba Rimbaud, xantaba Verlaine e ceaba Baudelaire (Novoneyra e Ferrín de aperitivo)”.  Ademais vivirá o espertar da liberdade que terá lugar a fins dos setenta e comezos dos oitenta, uns anos nos que a lírica, o  Rock e as manifestacións, marcarán o ritmo daquela efervescencia cultural que logo será coñecida como “a movida”. Unha etiqueta que a propia Xela rexeitaba, pois o termo pretendía institucionalizar o movemento crontacultural que abrollou na Cidade Nenúfar (alcume empregado pola propia Xela  para falar de Vigo).

Será nos oitenta, cando alén de participar nun gran número de recitais,  publica o seu primeiro libro Denuncia do equilibrio (1986). Nesta década comezará tamén a colaborar con xornais e  revistas, como é o caso da revista feminista a  Festa da Palabra Silenciada. A comezos dos anos noventa, ademais de publicar un novo libro, Tigres coma Cabalos (1990), decide cumprir unha das súas arelas, converterse en profesora. Para conseguilo, matricúlase no Colexio Universitario de Vigo, onde comeza a licenciatura de Filoloxía Hispánica. Xela compaxinará os estudos, co seu traballo coma editora, tradutora e escritora. Ademais cando cursaba o derradeiro ano da carreira en 1994, nacerá o seu fillo Darío, a quen lle dedicará o seu libro De Darío a Diario (1996).  

Será no curso 1999/2000 cando consiga o seu primeiro destino coma profesora substituta no instituto IES Terra de Sallas de Santa Comba, un centro ao que chega con moitísima ilusión. Unha ilusión que a acompañará polo resto de destinos que terá nesta época. 

No ano 2003, sae a luz o seu derradeiro libro Intempériome, un ano no que ademais levará a cabo diversas accións coma activista. Será tamén neste ano, cando o mundo da cultura galega reciba a tráxica noticia da súa morte. Unha morte que non apagou as súas arelas de liberdade e xustiza, as cales seguirán perdurando a través da súa obra.

Bibliografía empregada e recomendada:

Imtempestiva. Unha biografía (literaria) de Xela Arias. Montse Pena Presas. Editorial Galaxia.

Xela Arias. Os Territorios da Liberdade. María Xesús Nogueira. Edicións Xerais de Galicia. 

XELARIAS. Palabra á Intemperie. Emma Pedreira e Laura Romero. Baía edicións.

Xela Arias. Poesía reunida (1982-2004). Edición a cargo de María Xesús Nogueira. Edicións Xerais de Galicia.

E para as cativas e cativos da casa: 

Non te amola. Xela Arias. Editorial Galaxia.

Xela quixo Ser ela. Biografía de Xela Arias. Yolanda Castaño. Edicións Xerais de Galicia

Créditos da Imaxe: Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *