Orixes

O Antigo Cárcere do Partido Xudicial de Lugo é un fermoso edificio proxectado polo arquitecto Nemesio Cobreros y Cuevillas en 1878 e situado na zona da Mosqueira ao carón da Muralla de Lugo (Patrimonio da Humanidade).

Trátase do segundo Cárcere Modelo de España que seguiu os criterios de mellora do primeiro exemplo madrileño. Estaba habitado por homes e mulleres, quen, a pesar de estar no mesmo recinto, situábanse en espazos diferenciados. Os homes convivían no bloque correspondente á planta semicircular e as mulleres ocupaban un corpo adxacente de planta rectangular. A área semicircular segue os preceptos do modelo carcerario do panóptico de Bentham

 

Este modelo carcerario diseñado polo filósofo inglés Jeremy Bentham a finais do século XVIII, tiña como principal característica estar composto dunha figura circular en torno a un eixe central. As celas situábanse dun xeito radial nesa planta xeométrica facilitando a súa visión dende o punto central onde se atopaba a caseta do vixiante.

A súa construción, realizada entre 1882 e 1887 e concibida como penitenciaría menor e xulgado, foi financiada pola Deputación de Lugo, quen a erixe para substituír ao vello cárcere de Obispo Armañá.

A intención principal, e obxectivo primordial, era o de mellorar as condicións de hixiene, comodidade e moralidade dos presos.

 

Estrutura

A prisión organizábase en tres edificios dentro dun rectángulo murado de 40×35 metros, con garitas de vixilancia nas catro esquinas.

O primeiro edificio de planta rectangular funcionaba como Administración e Xulgado de Instrución. Era a porta de entrada ao recinto da prisión e, en orixe, só tiña unha planta baixa. Posteriormente, no ano 1945, realizouse unha ampliación e foron engadidas as dúas plantas superiores para acomodar aos traballadores do cárcere. 

 

 

O segundo edificio é o módulo das presas e dos presos e contempla dous espazos diferenciados: un de planta rectangular onde estaban situadas, ao longo dos andares superiores, as celas das mulleres; e outro de planta semicircular (o panóptico), onde se atopaban as celas dos homes. En total, 56 celas individuais entre homes e mulleres, 6 calabozos e 11 celas de castigo.

O espazo exterior entre o segundo edificio e o terceiro foi dividido en dous, cun corredor cuberto que comunicaba o acceso entre estes dous edificios.

O terceiro edificio era onde se situaban as estancias dos servizos de enfermaría, cociña, escola, almacéns e sala de autopsias.

 

 

Función carceraria

O cárcere mantívose en uso desde a súa apertura en 1887 ata o seu peche definitivo en 1981. Durante o período da guerra civil e a posguerra foi utilizado tamén como centro represivo.

O presidio destinado para albergar a 140 persoas naquela época,  chegaría a superar as mil persoas. As condicións que tiveron que padecer estas distaron moito das condicións de orixe coas que foi fundado o cárcere, frío, humidade, malos olores, comida de rancho, e maltratos físicos acontecían acotío.

Segundo recolle na súa investigación a historiadora María Jesús Souto, foron arredor de 5000 persoas as que pasaron polo cárcere durante os anos 1936 o 1940. O Concello de Lugo dixitalizou esta información recabada por María Jesús Souto nunha páxina web, onde aparece a listaxe de represaliados políticos da Provincia de Lugo.

A exposición permanente situada na planta baixa do panóptico aborda este período de tempo de dor.

Listaxe de Represaliados Políticos da Provincia de Lugo

Na actualidade

Ao finalizar a súa actividade como cárcere no ano 1981, acolleu distintas dependencias municipais, como por exemplo a Comisaría de Policía Local.

No ano 2009 comeza o proxecto de rehabilitación e reconversión nun centro sociocultural, abrindo as súas portas como tal, o 30 de marzo de 2017.

O Centro Sociocultural O Vello Cárcere funciona, a día de hoxe, como un espazo de lembranza cara o seu pasado histórico e de escaparate para as distintas disciplinas artísticas que enchen as celas de vida para toda persoa que se achegue a visitalas.