Rogelio Arca Rivas

#PersonaxesdeOVelloCárcere | #TalDíaComaHoxe

Rogelio Arca Rivas

Como parte do fondo documental da nosa exposición permanente “O Vello Cárcere. Da guerra á posguerra” están as cartas orixinais de presos que estiveron aquí encarcerados. Nas visitas guiadas moitas veces nos preguntades como se conseguiron rescatar eses escritos, e se se exercía algún tipo de control sobre os que entraban e saían do recinto. 

👉 O #PersonaxesDeOVelloCárcere deste mes garda unha relación moi estreita con esta correspondencia carceraria. El é Rogelio Arca Rivas e o seu caso dista un pouco dos expostos anteriormente a través deste cancelo. Rogelio tamén pasou por este cárcere, mais fíxoo como vixilante, o cal non quere dicir que non fose vítima da represión exercida polo bando sublevado.

Ao igual que o seu compañeiro Manuel Tato Cardóniga (cuxa historia rescatamos no mes de febreiro), Rogelio traballou como canteiro e foi militante da CNT. Tras combater na Guerra Civil, foi apresado e levado ao campo de concentración de Teruel. Despois de regresar a Cercedo-Cotobade, de onde era orixinario, en maio de 1939 foi obrigado a incorporarse aos batallóns disciplinarios; foi entón cando se convertiu no carcereiro dos seus propios compañeiros nesta prisión de Lugo, exercendo de garda exterior.

Tanto el como outros camaradas que se atopaban na mesma situación, non deixaron pasar a oportunidade de axudar a outros represaliados. Dende o corredor exterior, conseguiron facer un furado na grosa tela metálica dunha das ventás da cociña por onde, ademais de introducirlles a prensa diaria, os presos botaban as cartas para ser recollidas por estes gardas e entregadas aos familiares, evitando así a rigurosa censura da prisión. 

Rogelio Arca faleceu #TalDíaComaHoxe no ano 2010. As súas notas escritas durante a contenda, así como algunhas fotografías tomadas por el neses anos, aparecen recollidas no “Álbum de guerra. Canteiros da Terra de Montes no Exército Popular da República” (2008), grazas tamén ao traballo do historiador Dionisio Pereira.

Fontes:

📷 Arca Rivas, Rogelio (1937). “Monte de El Pardo, xunto ás Tapias, á dereita da Cuesta de Las Perdices. De dereita á esquerda: José María Vilas ‘O Pesco’, de Figueroa; Manuel Diz Bugallo, de Figueroa; Rogelio Arca; Aroca, madrileño e artista de teatro”. Proxecto “Nomes e voces”: http://vitimas.nomesevoces.net/

📖 Arca Rivas, Rogelio e Pereira, Dionisio (2008). “Álbum de guerra. Canteiros da Terra de Montes no Exército Popular da República”