Este mes traémosvos a historia de Ramón Pérez Vispo ‘O Peixuco’. Nado en Allariz no ano 1904, mudouse a Escairón para exercer a profesión de zapateiro. Unha vez instalado na localidade, alistouse na Agrupación Socialista do Saviñao, acadando un posto de directivo da mesma, no ano 1935.
Durante a folga xeral revolucionaria do ano 1934, cuxos principais focos estiveron en Asturias e Cataluña, foi detido e encarcerado no presidio de Monforte de Lemos durante varios meses. Co golpe de Estado do 36, fuxe do Escairón e vai á fronte de León, onde acaba sendo detido e levado a un campo de concentración, do cal, tamén consegue escapar. Regresa ao Escairón para ocultarse nun burato da súa casa.
No ano 1940 son detidas a súa muller, Paz Losada Fernández, e a súa cuñada Milagros Losada Fernández, e reconducidas ao noso cárcere. Esta práctica, como vos contamos noutras ocasións, era acometida polo bando sublevado para que os familiares fuxidos acabaran entregándose.
Ramón presentouse ante as autoridades e foi xulgado cunha condea de 12 anos de prisión. Estivo preso neste cárcere ata o ano 1941, cando lle foi concedida a prisión atenuada.