Ás veces, desentrañar os feitos da represión exercida polo bando sublevado resulta nunha tarefa complicada. No caso de Rafael Peinó Neira, o #PersonaxesdeOVelloCárcere deste mes, sabemos cando foi apresado e cal foi o seu tráxico final (a súa execución o 7 de marzo de 1938), mais á hora de investigar como aconteceron estes feitos, xorden diferentes atrancos.
Estas dificultades atópanse moi presentes na carta que escribiron Anabel e Cristina Peinó Álvarez, netas de Rafael. Nela expoñen a pouca información que teñen do seu avó, así como o complicado de chegar á mesma. Cando estas dúas irmás trataban de esclarecer os feitos ocorridos no ano 38, a desoladora resposta que adoitaban recibir é a que segue:
“… era lo que pasaba; entraban, se llevaban a alguien y no se volvía a saber de él; ibas a buscar los productos que te prescribía el razonamiento, y desaparecías tú y la cartilla; llegaban, te llevaban, desaparecías por un tiempo y reaparecías maltrecho, destrozado; ingresabas en prisión una o varias veces al año, en fechas señaladas, por períodos más o menos largos de tiempo… Era lo normal”.
Na súa carta, ambas fundiron os testemuños que lles foron chegando a contagotas durante todos estes anos. O seu tío Chano, por exemplo, puido facilitarlles algo de información sobre o ocorrido, aínda que tendo sempre presente que certos datos podían resultar confusos dado o tempo transcorrido, que non recordaba (ou non quería mencionar) nomes, e a temperá idade que tiña cando todo isto aconteceu.
👉 Así, no escrito coméntase que a xente dicía de Rafael que era unha persoa de grande intelixencia; que defendía ideas progresistas e liberais; que non estaba casado pola Igrexa e que os seus fillos non estaban bautizados nin acudían á escola (estas tres últimas situacións foron “enmendadas” durante a súa estadía no cárcere; con respecto á escola, ao parecer todos os seus fillos/as sabían ler e escribir correctamente); que puido ter estado involucrado nas revoltas dos mineiros asturianos durante a República; que era posible que pertencera a unha cúpula republicana; que todo isto puido ter sido a causa pola que o seu avó sucumbiu “á criba do ‘glorioso alzamento nacional’ ”.
👉 No seu sumario dise que era unha persoa extremada e perigosamente intelixente, e con moita influencia.
👉 No expediente da Junta de Incautación de Bienes de Lugo (imaxes), recóllese que lle acusou de “delito de adhesión á rebelión militar con existencia de perversión”; que o 3 de marzo de 1938 se dictou sentenza de morte contra el; que se tiñan que pagar cen mil pesetas; que se lle declarou insolvente.
Non atopamos mellor maneira de rematar a publicación que recuperando as verbas coas que Anabel e Cristina pechan o mencionado escrito:
“En resumen, hoy más que nunca, la rabia y la tristeza nos hacen comprender porqué en vez de su dolor, nos legaron la paz de su silencio.”
Fontes:
- “A represión franquista e as súas zonas de penumbra. Vítimas confirmadas e posibles en Lugo (1936-1940)”, María Jesús Souto Blanco (2011): http://www.lugo.es/cs/represion/ficha.jsp?id=5922&tipo=1&letra=P&pagina=8
- Proxecto “Nomes e voces”: http://vitimas.nomesevoces.net/gl/ficha/11453/
- Carta de Anabel e Cristina Peinó Álvarez: http://www.memoriarevelada.es/wp-content/uploads/2018/06/6-rafel-peino-neira-TEXTO-FAMILIAR-1.pdf
- Galiciana Arquivo Dixital de Galicia: https://arquivo.galiciana.gal/arpadweb/es/consulta/registro.do?id=1860870