#LibroSalvado
Abrimos o caixón de recomendacións de lecturas estivais con “Os mortos daquel verán”, unha novela de Carlos Casares (Ourense,1941 – Nigrán, 2002), escritor e durante anos tamén director da Editorial Galaxia e da Revista Grial.
O estalido da Guerra aquel verán de 1936 como telón de fondo e a morte dun boticario como epicentro do relato, serven ao autor para, baixo unha rechamante narrativa de investigación policial, construír toda unha crítica sobre a trama que conduciu ao enquistamento do conflito e, logo de tres anos, ao triunfo do golpe de Estado.
Casares escribiuna no 1987 pero, o ideal claramente humanista desta obra continúa vixente aínda nos nosos días, ao poñer de manifesto a inseparable deriva totalitaria de calquera orientación política baseada no odio e na violencia. Un tema que foi moi recurrente na súa traxectoria literaria.