Todos tarareamos algunha vez esta melodía tan apegadiza pero, sabiades que agocha detrás unha historia, canto menos, curiosa?
A canción orixinal, titulada “Johnny, I hardly knew ye” (“Johnny, apenas te recoñezo”), xurdiu de forma popular entre a sociedade irlandesa a comezos do século XIX. Denunciábase con ela a desfeita material e moral que producía a guerra. Tanta, que o retornado soldado Johnny aparecía irrecoñecible ante a súa moza despois de combatir nas guerras de Kandy en Ceilán (Sri Lanka).
E de Irlanda pasou aos Estados Unidos. O tema chegou a empregarse entre os bandos enfrentados na Guerra de Secesión (1861-1865), esta vez convertido nun himno bélico a favor do alistamento, titulado “When Johnny comes marching home” (“Cando Johnny volve a casa marchando”).
Xa nos anos 40 do pasado século, o xénero de música Country fixo súa a melodía, que se popularizou con grande éxito a través de artistas como Jonnhy Cash. Co seu recordo e a través de “Ghost riders in the sky: a Cowboy Legend” (“Xinetes no ceo: a Lenda do Vaqueiro”), aproveitamos para celebrar que hoxe é o #DíaInternacionaldaMúsicaCountry!
Outra adaptación totalmente diferente, e quizáis máis estendida nos nosos días, é a versión infantil que tan ben coñecemos, na que animaliños como o boi e o caracol suben por grupos á Arca de Noé. A versión que soa é “Os animais”, interpretada por Luar na Lubre.
Volvendo ás orixes do tema e pechando en certo modo o círculo, o movemento da canción protesta dos anos 60 recuperou o seu sentido pacifista en relación á guerra de Vietnam.