Un cárcere aberto
| Título da actividade | Un cárcere aberto. Conversas sobre arquitectura e cidade |
| Público | Adulto |
| Horario | Luns alternos de 17:00 a 18:30h |
| Número de participantes | Ata completar o aforo (máx. 10) |
| Lugar | Biblioteca |
| Descrición da actividade |
Obradoiro participativo para achegarnos a O Vello Cárcere desde a arquitectura, a cidade e a memoria das persoas que o coñeceron. Ao longo de encontros quincenais de hora e media, conversaremos sobre a arquitectura de O Vello Cárcere e sobre a evolución da arquitectura carceraria, poñéndoas en relación coa historia urbana e arquitectónica de Lugo. Falaremos dos espazos, dos usos, das transformacións e da relación do edificio coa cidade e coas persoas que a habitan. Pero o obradoiro será tamén un espazo para escoitar. As vivencias, experiencias, anécdotas, fotografías, recordos e percepcións das persoas participantes permitirán incorporar novas miradas sobre o edificio e contribuír, entre todas e todos, á construción dunha historia colectiva de O Vello Cárcere. |
As voces do cárcere
| Título da actividade | As voces do cárcere. Historia e memoria |
| Público | Adulto |
| Horario | Luns alternos de 17:00 a 18:30h |
| Número de participantes | Ata completar o aforo (máx. 10) |
| Lugar | Biblioteca |
| Descrición da actividade |
Espazo de conversa e memoria arredor da historia de O Vello Cárcere durante os anos da guerra e da posguerra. A través de documentos, fotografías, testemuños e historias de persoas vinculadas ao cárcere, achegarémonos á vida e ás circunstancias de quen pasou por este edificio, así como ao papel que desempeñou no contexto da represión franquista en Lugo. As sesións combinarán pequenas achegas de contexto histórico con conversacións abertas, nas que as persoas participantes poderán compartir lembranzas, historias familiares, documentos ou coñecementos relacionados co cárcere e coas persoas que estiveron vinculadas a el. Un espazo para coñecer a historia de O Vello Cárcere, escoitar as voces que a protagonizaron e contribuír á recuperación dunha memoria democrática compartida. |
Crea+
| Título da actividade | Crea+ |
| Público | Adulto +60 |
| Horario | Martes de 16:30 a 17:30h |
| Número de participantes | Ata completar o aforo (máx. 10) |
| Lugar | Biblioteca |
| Descrición da actividade |
Este obradoiro ofrece ás persoas maiores un espazo para crear, experimentar e compartir a través das manualidades e da creación plástica. Ao longo das sesións traballaranse diferentes técnicas e propostas, como o collage, a pintura ou a creación de pequenos obxectos, combinándoas con temáticas diversas relacionadas coa cultura, a natureza, as tradicións, as celebracións e o día a día. Cada sesión parte dunha proposta diferente, adaptada aos distintos ritmos e intereses das persoas participantes, favorecendo a experimentación e o goce do proceso creativo. Deste xeito, o obradoiro contribúe a creatividade e a expresión persoal, ao tempo que ofrece un espazo de encontro, participación e intercambio de experiencias. |
A toda cor
| Título da actividade | A Toda Cor |
| Público | Infantil – Nenos e nenas nados/as entre 2018-2023 |
| Horario | Mércores de 17:30 a 18:30h |
| Número de participantes | Ata completar o aforo (máx. 10) |
| Lugar | Biblioteca |
| Descrición da actividade | Este obradoiro achega ás nenas e nenos a conceptos de arte, natureza e ciencia a través da creación plástica. Estrutúrase en tres módulos trimestrais: Arte, Natureza e Ciencia. En cada sesión trabállase un concepto ou técnica concreta, como a cor, as texturas, a luz ou os mecanismos. De xeito puntual, ao longo do mes pódense achegar figuras universais e galegas relacionadas co tema, dende Miró ata a cerámica de Sargadelos, dende Jane Goodall ata o oso dos Ancares. Deste xeito, desenvólvese a motricidade fina, a creatividade e a curiosidade polo mundo que as rodea. |
