#ELAS
Que mellor escusa que este verán olímpico que estamos a vivir para rescatar a historia dunha pioneira do noso atletismo, a coruñesa Natacha Astray Goicoechea (1944-2019). 🏅 Tras triunfar no balonmán e no tenis, Natacha meteuse de cheo no mundo do atletismo. Despois de 28 anos sen presencia feminina neste deporte, o estadio de Riazor converteuse nun escenario chave para o desenvolvemento do atletismo feminino neste país.
A súa primeira competición foi na 5ª edición do Campionato de España feminino en agosto de 1963, no estadio de Montjuic. (No caso do campionato masculino, tratábase da súa 43ª edición). Alí competiu nos 100m lisos, en salto de lonxitude e na proba de 4x100m relevos. Nesta última, Astray e as súas tres compañeiras, Graña, María del Carmen Lista e Nela Souto, acadaron a terceira posición, pese a que era a primeira vez que practicaban dita disciplina.
Natacha converteuse nunha deportista de fama nacional, o que a levou a participar en campionatos máis aló das fronteiras españolas. Moi polémica resultou a súa visita a Cuba no ano 1964, ao participar nun festival atlético como parte da conmemoración da Revolución cubana. En pleno franquismo, Natacha viaxou xunto con catro homes máis e incluso chegou a coñecer ao propio Fidel Castro.
No I Campionato de España en Pista Cuberta celebrado en Madrid en 1965, Astray quedou campioa e récord de España en 50m vallas, cun tempo de 8.2. 🥇
Publicacións como a de “Elas”, de Aurora Marco, axúdannos a descubrir e non esquecer a todas esas mulleres que foron trazando novos rumbos, e que contribuíron a que o abano de posibilidades das nosas vidas sexa cada vez máis amplo. 🌌
Fontes:
📖 Marco, Aurora (2017). “Elas”
📖 e 📷 Navaza, Emilio (20 de febreiro de 2014). Natacha Astray. Conmemorando la Revolución con Fidel. “Vida Atlética de Galicia”: https://vidaatleticadegalicia.org/natacha-astray/