María Soliño

A historia da coñecida como “primeira meiga” de Galicia remóntase ao século XVII, na vila mariñeira de Cangas do Morrazo, nas Rías Baixas. En 1617, Cangas, unha vila enriquecida pola actividade pesqueira e pola extracción e exportación de especies como a pescada e o congro, foi saqueada e incendiada por piratas turco-berberiscos. Moitas mulleres quedaron viúvas, entre elas María Soliña (ou María Soliño), que tamén perdeu o seu irmán no ataque.

Anos despois, María e outras mulleres da vila foron xulgadas polo Tribunal do Santo Oficio de Santiago de Compostela, acusadas de bruxería. Pero detrás das acusacións había algo moito máis concreto, os seus bens. Viúva e propietaria de terras e doutros bens adquiridos xunto ao seu marido, María tamén posuía “dereitos de presentación” vinculados a igrexas de Cangas e Aldán. Estes dereitos tiñan valor e permitían participar no nomeamento dos titulares das igrexas e nos beneficios xerados pola mesma.

En 1621, con arredor de 70 anos, María foi encarcerada. Tras un proceso marcado pola tortura e a coacción, acabou confesando prácticas de bruxería a polo menos dúas décadas. Foi condenada ao confisco dos seus bens e a un ano e medio de prisión. Non se conserva ningún rexistro coñecido da súa morte. Probablemente, non chegou a sobrevivir aos maltratos sufridos durante o seu encarceramento no sistema penitenciario inquisitorial.
Séculos despois, María Soliña continúa presente no imaxinario galego a través da literatura, da arte e do cinema. A primeira meiga galega, ao final, non era unha bruxa. Era unha muller e quizais foi precisamente iso o que a fixo perigosa.

Fontes:

📷1. Concello de Cangas. (2026). María Soliña. https://cangas.gal/es/areas/turismo/nuestra-historia/maria-solina

📷2. Afundación. (s. f.). María Soliña. Colección de Arte Afundación. https://bus.afundacion.org/es/coleccion/obra/23590952_maria_solina

📝Mujeres y Patrimonio. (2023). Mujeres importantes en la historia de Galicia. https://mujeresypatrimonio.org/blog/mujeres-importantes-en-la-historia-de-galicia/

📝Marco, A. (2015). Elas. A Xanela Editorial.

O Vello Cárcere
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.