#ELAS
Tanto polo contexto da guerra como polo enfoque feminista do relato, a novela “Amor de tango” resultou moi estimulante para os Clubs de Lectura da nosa Biblioteca dirixidos ao público adulto.
Nela, a escritora María Xosé Queizán fai un retrato fidedigno da sociedade viguesa da República e da represión franquista, intercalando acontecementos e historias reais, como a da deportista María Antonina Sanjurjo Aranaz (Santiago de Compostela, 1910 – Vigo, 1939).
Se nos diriximos á cela onde se atopa a exposición “Elas”, comisariada por Aurora Marco (etiquetar facebook), e nos detemos na obra central da mesma, podemos saber da nosa protagonista, Antonina Sanjurjo, que foi a iniciadora do hóckey sobre herba en Galicia.
Tony, como a chamaban agarimosamente na familia, coñecera este deporte durante a súa formación na Residencia de Señoritas, en Madrid, onde fixo estudos de Dereito entre 1931 e 1932. Alí axiña comprendeu que no deporte desaparecen moitos prexuízos sociais, e a súa implicación e compromiso co hóckey lévaa a crear en Vigo o Atlántida Hóckey Club. Posteriormente, o 6 de marzo de 1933, constitúese a Federación de Hóckey de Galicia, na que é nomeada Presidenta de Honra.
Deportista, investigadora e tamén docente en varias universidades estadounidenses, Antonina Sanjurjo foi sempre recoñecida como unha muller avanzada ao seu tempo. Despois do seu pasamento por tuberculose, o xornal “El Pueblo Gallego” publicou: “El deporte gallego tenía en María Antonina un firme paladín. Ella fue la iniciadora del hóckey en Galicia, que supo conducir hasta las más altas esferas” (02/11/1939).
📷 e 📖 Exposición “Elas” – Aurora Marco
