Manuel Tato Cardóniga

#PersonaxesdeOVelloCárcere | #TalDíaComaHoxe

Manuel Tato Cardóniga

A meirande parte da información que temos sobre Manuel Tato Cardóniga, o #PersonaxesdeOVelloCárcere deste mes, obtivémola grazas aos testemuños que deixou por escrito o seu compañeiro Rogelio Arca Rivas, o tamén autor da fotografía que acompaña esta publicación.

Sabemos de Manuel que era veciño de Loureiro, Cercedo (Pontevedra), e que traballou como canteiro. Estando asentado temporalmente en Madrid, enrolouse nas milicias confederais da CNT, un movemento miliciano popular xurdido durante a Guerra Civil española e promovido polas principais organizacións anarquistas do país. Foi ferido en dúas ocasións durante a contenda e, cando entrou preso neste cárcere con 23 anos, padecía xa de tuberculose.

No seu expediente carcerario, aparece rexistrado que faleceu #TalDíaComaHoxe, un 27 de febreiro do ano 1940. O motivo? “Caquesia infecciosa”. A caquesia ou caquexia é o termo técnico empregado para referirse á inanición, a un estado de extrema desnutrición. Podería incluso considerarse como unha especie de eufemismo para que o termo non soase tan duro como a realidade.

No tocante á propia data da súa morte, os datos rexistrados de forma oficial non concordan cas declaracións de Rogelio, quen afirmou que ao seu compañeiro e amigo Manolo Tato, deixárono “morir abandonado por sus verdugos carcelarios en la Cárcel de Lugo, en los días de Navidad del mes de Diciembre de 1939”.

Fontes:
📖 Arca Rivas, Rogelio e Pereira, Dionisio (2008). “Álbum de guerra. Canteiros da Terra de Montes no Exército Popular da República”

📖 Souto Blanco, María Jesús (2011). “A represión franquista e as súas zonas de penumbra. Vítimas confirmadas e posibles en Lugo (1936-1940)”: http://www.lugo.es/cs/represion/listado.jsp

📷 Arca Rivas, Rogelio (1937). “Chalet ‘Las flores’. Manuel Tato, de Loureiro-Cercedo”. Proxecto “Nomes e voces”: http://vitimas.nomesevoces.net/