Aproveitamos que hoxe é o #DiadasBibliotecas para rescatar “Mamá, quero ser Ziggy Stardust”, unha das lecturas propostas para o noso club de lectura “Ratiños de Biblioteca”. Tal e como reza o lema deste ano, “Tecendo comunidades”, libros coma este favorecen o entendemento entre persoas e axudan a fortalecer vínculos, a crear comunidade, como tamén o favorecen as bibliotecas das nosas cidades, eses espazos onde moitas cousas bonitas teñen lugar. 
Segundo explica a autora Iria Misa, este libro xurdiu nun contexto moi específico, cando se mesturou a sensación de desolación que sentiu pola morte de David Bowie co seu interese persoal por incluír o tema da transexualidade nas aulas. O que rematou de darlle forma na súa cabeza foi unha entrevista radiofónica que escoitou por entón, onde unha nena contaba a súa experiencia visitando a exposición “David Bowie Is”: “Quizais esta [idea] foi un lóstrego que me alcanzou desde o espazo”, comenta Iria. 
O que ocorre cando Aine, protagonista desta lectura, descubre a figura de Ziggy Stardust é algo moi revelador. O estilo camaleónico e andróxino de Ziggy abre un mundo de posibilidades na súa cabeza e, de repente, teno claro: Aine de maior quere ser coma Ziggy; Aine, de maior, quere ser como lle dea a gana.
Xa temos ganas de que as ratiñas da nosa biblioteca se mergullen nel! 
E vós, coñecedes algunha outra lectura que trate esta temática? 
