
Un dos nomes que se atopan na cela-memorial da exposición permanente é o de Juana Capdevielle, que hoxe recuperamos a través do cancelo #PersonaxesDeOVelloCárcere.
Aínda que case borrada da Historia polo fascismo, a figura de Juana María Clara Capdevielle San Martín (Madrid, 12/08/1905 – Rábade, 18/08/1936) foi en realidade moi importante para a modernización cultural da II República. Esta prestixiosa intelectual licenciárase en Filosofía e Letras en Madrid, pasando axiña a formar parte do Cuerpo Facultativo de Archiveros, Bibliotecarios y Arqueólogos, no 1930.
Alentada polo ambiente progresista daquela década, os seguintes anos foron de gran actividade profesional para Juana. Así, chegou a exercer como xefa da biblioteca da Facultade de Filosofía y Letras, colaborou no Ateneo madrileño e coa Asociación de Bibliotecarios y Bibliógrafos de España, participou no desenvolvemento das bibliotecas hospitalarias e foi conferenciante en reunións como o II Congreso Internacional de Bibliotecas y Bibliografía (1935).
O ano de 1936 trouxo consigo o logro dunha beca de investigación no estranxeiro da Junta para la Ampliación de Estudios, pero a guerra irrompeu. Días despois do alzamento militar fusilaron ao seu marido, Francisco Pérez Carballo, quen fora un destacado membro de Izquierda Republicana e tamén gobernador civil de A Coruña.
Estando ela embarazada, e despois de ser detida momentáneamente no Cárcere da Torre (a Prisión Provincial da cidade herculina), refuxiouse na casa do político Vitorino Veiga, en Vilaboa (Culleredo). Alí recibiu unha orde de deportación que nunca chegou a cumplir, porque a noite do 17 de agosto sería apresada de novo pola Garda Civil e asasinada nunha cuneta preto de Monte da Gándara, nas proximidades de Rábade. Nesta localidade descansa o seu corpo. O rexistro civil recoñece que a causa da súa morte foron dous disparos de arma no peito e na cabeza.
Fontes:
- SOUTO BLANCO, M. J., A represión franquista e as súas zonas de penumbra. Vítimas confirmadas e posibles en Lugo (1936-1940), 2011
- Real Academia de la Historia: dbe.rah.es/biografias/94859/juana-capdevielle-san-martin
- Consello da Cultura Galega (Álbum de Galicia – Carmen Blanco): consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=666
📷: Web Biblioteca da Facultade de Filoloxía – UCM