Os irmáns José Antonio e Arturo Fernández y Fernández eran naturais de Castropol, unha vila asturiana na fronteira natural con Galicia. Ambos traballaban como xornaleiros e ambos foron vítimas mortais da represión franquista.
Aos poucos meses do comezo da Guerra, o 24 de xaneiro de 1937, foron detidos e levados a Lugo (á Prisión Provincial, hoxe en día O Vello Cárcere), cidade próxima e que se atopaba xa baixo o control militar. Nas súas fichas figura que o seu delito foi “rebelión”, acusación empregada polo réxime de Franco contra persoas defensoras da legalidade republicana.
Un mes despois do seu encarceramento, o 24 de febreiro de 1937, os dous irmáns foron executados. José Antonio tiña 24 anos cando foi fusilado; Arturo, 21.
En moitas ocasións, a represión exercida durante a Guerra e a ditadura resulta dificilmente rastrexable. Algúns documentos foron destruidos, quedaron incompletos ou permanecen sen dixitalizar. Moitos sucesos nunca foron escritos; outros, nin tan sequera falados. O silencio que imperou durante todo ese período foi unha consecuencia directa da violencia e do medo que se sufriu.
Neste aspecto, a listaxe elaborada pola docente e investigadora María Jesús Souto Blanco supón un labor fundamental de visibilización das vítimas da represión en Lugo. (“Fontes” ⤵️)
Seguimos recordando.
Fontes:
“A represión franquista e as súas zonas de penumbra. Vítimas confirmadas e posibles en Lugo (1936-1940)”, María Jesús Souto Blanco (2011):
José Antonio: http://www.lugo.es/cs/represion/ficha.jsp?id=493&tipo=1&letra=F&pagina=29
Arturo: http://www.lugo.es/cs/represion/ficha.jsp?id=6433&tipo=1&letra=F&pagina=29
📷 Memorial. Listado de personas detidas neste cárcere por motivos políticos entre o 20 de xullo de 1936 e o 31 de decembro de 1940.
