🏛️ Hai edificios que, ademais de formar parte da paisaxe urbana, gardan entre os seus muros unha parte da historia da cidade.
#TalDíaComaHoxe, o 23 de xullo de 1887, inaugurábase a antiga Prisión Provincial de Lugo, un edificio proxectado polo arquitecto Nemesio Cobreros y Cuevillas. Durante case un século, ata o seu peche en 1981, funcionou como prisión provincial, sendo testemuña de diferentes momentos da historia contemporánea de Lugo.
Neste mes de xullo lembramos tamén os 90 anos do inicio da Guerra Civil, un acontecemento que, xunto coa ditadura franquista, converteu este lugar en escenario da represión e do sufrimento de moitas persoas, deixando unha fonda pegada na nosa memoria colectiva.
🕯️ A incoación do procedemento para declarar O Vello Cárcere como Lugar de Memoria Democrática supón un paso importante cara ao recoñecemento do seu valor histórico e simbólico, reforzando a protección dun lugar de especial significado para preservar, difundir e transmitir a memoria democrática ás xeracións presentes e futuras.
Hoxe, O Vello Cárcere é un espazo aberto á cidadanía no que cultura, patrimonio e memoria conviven, sumando novos significados aos que xa gardan estes muros.
