O primeiro edificio de planta rectangular funcionaba como Administración e Xulgado de Instrución. Era a porta de entrada ao recinto da prisión e, en orixe, só tiña unha planta baixa. Posteriormente, no ano 1945, realizouse unha ampliación e foron engadidas as dúas plantas superiores para acomodar aos traballadores do cárcere.
O segundo edificio é o módulo das presas e dos presos e contempla dous espazos diferenciados: un de planta rectangular onde estaban situadas, ao longo dos andares superiores, as celas das mulleres; e outro de planta semicircular (o panóptico), onde se atopaban as celas dos homes. En total, 56 celas individuais entre homes e mulleres, 6 calabozos e 11 celas de castigo.
O espazo exterior entre o segundo edificio e o terceiro foi dividido en dous, cun corredor cuberto que comunicaba o acceso entre estes dous edificios.
O terceiro edificio era onde se situaban as estancias dos servizos de enfermaría, cociña, almacéns e sala de autopsias.