Se este maio vén marcado pola voz feminina galega, a exposición #ELAS cobra especial sentido ao recopilar figuras tan relevantes para a nosa cultura como o foi a escritora Filomena Dato Muruais (Ourense, 1856 – Moruxo, Bergondo, A Coruña, 1926).
Procedente dunha familia acomodada de forte inclinación católica e monárquica, Filomena Dato chegou a ser unha peza esencial da vida literaria e social da súa época, da que tamén participaron Emilia Pardo Bazán ou a pedagoga María Barbeito. A poesía foi a principal ferramenta reivindicativa de Dato Muruais, a través da cal promoveu a recuperación da lingua galega no marco do Rexurdimento e denunciou a estigmatización da muller avogando pola igualdade. Así, o seu poemario “Follatos” (1891) constituíu o segundo libro en galego escrito por unha muller, que incluía o poema “Defensa d’as mulleres”, premiado no certame “Cidade de Ourense” que se celebrou no 1887 en honra ao frei Benito Jerónimo Feijoo.
En Lugo, Filomena Dato foi a Presidenta dos Xogos Florais de 1900, uns encontros literarios de herdanza clásica, cos que nese momento se pretendía espertar o sentimento galego. No seu discurso, a poeta reclamaba os mesmos dereitos dos homes para as mulleres, especialmente a través da educación; algo que tamén manifestaría posteriormente ao “Ministerio de Instrucción Pública”, cando requiriu a presenza feminina dentro da Real Academia Española.
No 1906, ano en que se fundou a Real Academia Galega, ingresou nesta institución como membro correspondente.
🏛️ Vide visitar esta mostra da planta baixa do panóptico, que parte do traballo de investigación da docente Aurora Marco!
Fontes e fotografía:
– “A Coruña das Mulleres” (Agrupación Cultural Alexandre Bóveda): acorunhadasmulleres.gal/filomena-dato/
– Biblioteca Virtual Galega: bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=FilDato+1&alias=Filomena+Dato+Muruais
– Real Academia Galega: academia.gal/-/cabodano-de-filomena-dato-muruais
