Celas de homes da planta baixa – Maio e xuño de 2023
“O sistema, a Academia, o patriarcado e a última ditadura arxentina mandaron ás artistas da miña xeración ás súas casas: a facer as cousas que se nos presupoñen ás mulleres (todos os traballos reprodutivos nin remunerados nin recoñecidos), mais nosoutras resistimos. E non só resistimos, senón que continuamos resistindo. E iso foi posible, en gran parte, porque tiñamos referentas. Porque a xeración anterior, formada por artistas como Alicia Benítez, Diana Dowek, Liliana Porter, Marta Minujín, Aída Carballo e outras, todas cunha enorme potencia, non só resistiran, senón que acadaran a súa cota de recoñecemento nun mundo onde o eloxio maior que podiamos recibir era «falo tan ben coma un home»; que, aínda que hoxe poida causar hilaridade, era o noso pan cotián e a migalla que lle arrancabamos ao stablishment.
Alicia Benítez, a quen teño a honra de comisariar nesta mostra VOCES, ficou conmovida cando coñeceu, nunha viaxe hai algúns anos, o espazo do Vello Cárcere e soubo das historias que alí ocorreron. Ela leva toda unha vida loitando polos dereitos humanos, contra os autoritarismos e as dictaduras xenocidas, a través do seu traballo e do ensino artístico, formando artistas e xente que aprecie a arte.
A súa obra manifesta ese compromiso renovado coas causas que paga a pena defender. Unha obra cargada de solidariedade coas loitas dos pobos por mellorar as súas condicións de vida, unha obra posta ao servizo das voces que non se escoitan. Hoxe tócanos escoitala a ela; asegúrovos que a súa voz propia e o seu sentido da vida non van deixar indiferente a ninguén.” – Luz Darriba, comisaria da exposición
A mostra poderá visitarse os meses de maio e xuño de 2023 na planta baixa do panóptico.
Proxectos de Alicia Benítez:
www.youtube.com/watch?v=svEWyGTLCNc
www.youtube.com/watch?v=MuBEvkWq798&t=249s
Fotografía: Julio Sevald
