Saltar ao contido

Exposición temporal ‘Panóptico · Mostra de arte dixital’ – Asociación Que facemos?

Na era da industrialización e o capitalismo, a organización da sociedade sufriu un cambio paradigmático. O autocontrol e a disciplina interna das pequenas comunidades cederon ante unha nova necesidade: maximizar a produción industrial evitando as accións disruptivas individuais. O Panóptico, nese entón, converteuse nunha solución arquitectónica que tiña como fin último a eficiencia e o control absoluto.

O que fora un deseño de cárcere perfecta ideado por J.Bentham -pois permitía a vixilancia constante sen ser detectado-, foi elevado no s.XX a unha filosofía de control social por Michel Foucault, que viviu a sua máxima expresión na ascensión de estados de vixilancia e modelos totalitarios no pasado século.

Panóptico é un reflexo anticipado dun dos nosos actuais dilemas sociotecnolóxicos. Un espello á sociedade contemporánea, cuestionando a transparencia da nosa privacidade e as formas sutís polas que o poder se insinúa nas nosas vidas cotiás. O noso comportamento é constantemente modelado polas expectativas e as esixencias dunha sociedade que, quizais sen darse conta, volveuse gardiá da prisión perfecta.

A arquitectura do Panóptico, unha ferramenta que na súa concepción orixinal pretendía fomentar a auto-vixilancia e a auto-corrección, maniféstase agora nos nosos teléfonos intelixentes, nos nosos hábitos de navegación en Internet e nas nosas interaccións dixitais. Vivimos nun mundo onde a nosa información máis persoal é constantemente recollida, analizada e explotada, con frecuencia sen o noso consentimento pleno ou mesmo sen o noso coñecemento.

Esta exposición dixital explora o legado da filosofía panóptica a través da obra de 14 artistas dixitais que exploraran o legado e a influencia do Panóptico, onde nós e os nosos medos aprendidos se convirten no maior obstáculo para ser libre.

Máis ca nunca vivimos coa suposición de que estamos sendo observados, con cámaras en cada paso e gobernos que aumentan progresivamente as súas capacidades de vixilancia. Unha situación que, non só aceptamos como a nova normalidade, senón que algúns incluso abrazan con fenómenos como o consumo ostentoso.

Do 13 ó 17 de novembro en “O Vello Cárcere” de Lugo -segunda prisión do estado construída segundo o deseño panóptico de J.Bentham-, os visitantes serán convidados a percorrer un lugar que unha vez foi sinónimo de restrición e coacción, agora transformado en un espazo cultural onde a arte desafía os límites do que vemos e do que ignoramos.

Unha mostra onde a tecnoloxía non só se emprega como un medio para a expresión artística, senón tamén como un comentario crítico sobre a mesma. Unha invitación a reflexionar: Ata que punto estamos dispostos a sacrificar a nosa identidade a cambio de seguridade ou comodidade? É posíbel unha sociedade que equilibre con éxito a liberdade individual co benestar colectivo?

Con estas interrogantes abrimos as portas desta exposición única, convidándovos a explorar a fina liña entre o vixiar e ser vixiado.

🗓️ Do 13 ao 17 de novembro de 2023

📌 Panóptico

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *