Exposición temporal “Liberarte”- Roberto Castro

A obra do artista Roberto Castro (Arzúa 1975), componse de dúas etapas moi diferenciadas, pasando dunha primeira aproximación dende o realismo poético ata o desenvolvemento dunha pintura enerxética e apaixoada, marcada por trazos e planos envolventes, con abundancia de cores puras, achegándose máis ao mundo da intuición e fantasía efervescente, chea de diálogo e harmonía na súa expresión.

Rompe coa natureza e enraízase na filosofía da pintura, na sorpresa de cada imaxe e no descubrimento de novas formas percividas, e con elas sensacións e emocións.

Pintura alegre e desenfadada, viva e entusiasmada, viaxando polo subconsciente, o instinto do incógnito e a imaxinación subxectiva , nun contexto desenfadado, visionario e caprichoso. “Ver o que imaxinas e imaxinar o que ves”.

🗓️ Do 12 de decembro do 2024 ao 10 de febreiro do 2025
📌 Celas de mulleres: 2ª planta