“Heroínas de tódolos días” é unha mostra pictórica da artista lucense Camino Casabella. Está conformada polos retratos e as historias de mulleres pioneiras en diversos ámbitos, visibilizando así os seus logros e as súas experiencias.
“Esta é a miña homenaxe a unha serie de mulleres ordinarias que fan cousas extraordinarias cada día. Decidín poñelas en primeiro plano, porque as mulleres foron fundamentais no pasado, e son clave para o presente e o futuro.
A lista destas mulleres é diversa e infinita. Xente guapa coma Sinéad O’Connor, Carola Rackete, Rosa Parks, Ciara Lawrence, YSÉE, Charlotte Courbe, Jessica Greenfield, Fernanda Arrojo ou Vero Boquete, entre moitas outras. A súa resistencia fronte a actitudes represoras é un exemplo de feminismo persistente e apoderado que non vemos a miúdo, pero que chegou para quedar.
O meu propósito é poñer no foco de atención as historias da vida e da carreira destas mulleres; todas elas queren traballar para contribuír á sociedade, e fan fronte a grandes desafíos co propósito de superalos.
Son mulleres abrindo camiño para que máis mulleres se adiquen a profesións tradicionalmente dominadas polos homes. Mulleres pioneiras, que rachan estereotipos de xénero, e adoptan roles de liderado. Mulleres que axudan a outras a acada-las súas metas.
Mulleres e nenas que alzan a voz polos seus dereitos e loitan por eles. Xa era hora de que a súa voz fose escoitada, e de que comezásemos un movemento para que haxa xustiza para tódalas mulleres e nenas, en todo o mundo.“
Camino Casabella
📆 Do 24 de outubro ao 30 de novembro
📌 Celas de mulleres: 2ª planta