Exposición temporal «Contemos multitudes» – Dano Cerebral Galicia

“Vou ata o límite, vou ata o final. Vou onde todas as cousas perdidas volven estar ben” sentencia Bob Dylan na súa canción I Contain Multitudes. Unha declaración que podía ter saído da boca de calquera persoa con dano cerebral adquirido unha vez transitado o dó e interiorizada a cronicidade das secuelas que compoñen a súa discapacidade. Estas son diferentes en intensidade, cantidade e tipoloxía, dependen da persoa e do lugar do cerebro no que o ictus ou o traumatismo cranioencefálico -por citar as principais causas- provocou a lesión.

Multitude de secuelas, multitude de persoas, multitude de sensacións de ida e volta, do antes e o despois desta discapacidade adquirida que o cambia todo para a persoa e para a súa familia e contorna social. O cantautor Nobel levaba na canción ao presente o poema de Walt Whitman. Este, co seu “Contradígome. Son grande, conteño multitudes”, tamén parece retratar a experiencia dunha persoa con dano cerebral, que é a de antes, pero tamén é unha persoa nova tralo dano. Con contradicións, con novidades, con variedade, pero tamén a mesma, sempre.

Esta reflexión sobre o dó, sobre o cambio e sobre a readaptación foi a que sobrevoou cada un dos retratos de Fuco Reyes que compoñen a exposición ‘Contemos multitudes. Dano cerebral adquirido, onde as cousas perdidas volven estar ben’. Dano Cerebral Galicia e Dano Cerebral Lugo levan a O Vello Cárcere -un espazo de memoria, o que tamén ten relación co dano cerebral adquirido-, en Lugo, esta colección de imaxes.

Esta é a segunda actividade que Dano Cerebral Galicia leva este ano a Lugo, trala Carreira e Andaina Solidaria Camiñando Polo Dano Cerebral (10 de maio). A Federación de asociacións de dano cerebral acompaña así a Dano Cerebral Lugo polo seu 20 aniversario, que están a celebrar ao longo de 2026.

 

Laboratorio Artístico e Creativo do Dano Cerebral Adquirido

O Laboratorio Artístico e Creativo é unha iniciativa de Dano Cerebral Galicia para ofrecer ás persoas con dano cerebral adquirido das súas cinco asociacións federadas a posibilidade de formarse nunha disciplina artística. O ano pasado dedicouse á fotografía e estivo impartido por Fuco Reyes, que realizou unha introdución á técnica fotográfica ao tempo que promoveu a reflexión sobre a expresión a través desta disciplina. No marco do diálogo sobre como transmitir a fractura do proxecto vital que implica a chegada do dano cerebral adquirido, xorden os retratos realizados polo docente e que compoñen un dos bloques da exposición ‘Contemos multitudes’.

Os retratos contan, ademais, cun apoio en forma de testemuño manuscrito por cada unha das persoas fotografadas, nos que complementan a súa intención expresiva co posado. 

O segundo bloque é o resultado do traballo de experimentación fotográfica realizado polas persoas con dano cerebral adquirido nos obradoiros ou como tarefa relacionada cos mesmos. De tipo máis artístico, centradas no relato biográfico ou como reflexión sobre as secuelas do dano cerebral, son 37 traballos cos que a persoa espectadora pode iniciarse na comprensión da fractura que implica a chegada dunha discapacidade que irrompe dun momento a outro.

 

📍 Bloque de mulleres – planta baixa

🗓️ Do 4 de xuño ao 30 de xullo do 2026

 

O Vello Cárcere
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.