“O Colectivo Ruando presenta unha exposición de fotografía de rúa que recolle a esencia da vida cotiá en Lugo e na súa provincia. A mostra reúne 44 imaxes únicas, realizadas polos membros do colectivo, nas que cada autor e autora achega a súa propia mirada, persoal e irrepetible.
Son fotografías que capturan a forza do inesperado: un xesto, un contraste visual, unha escena fugaz que fala de nós sen precisar palabras. Cada imaxe convértese así nun fragmento de vida, nun testemuño que nos invita a mirar con máis atención o que nos rodea, ofrecendo unha visión plural e rica do territorio lucense.
Esta exposición convídanos a deter o paso, mirar con calma e redescubrir a nosa contorna desde outra perspectiva, reivindicando a fotografía de rúa como ferramenta para capturar a vida e o tempo que pasa.
En Ruando entendemos a rúa como un escenario cheo de historias. Cada vez que saímos coa cámara deixámonos guiar pola luz, polos xestos, polas pequenas escenas que agroman no cotián.
Con esta mostra queremos convidarvos a pasear connosco polas rúas, a mirar cos nosos ollos e a descubrir o extraordinario no aparentemente común. Porque para nós, a fotografía de rúa non é só unha técnica: é un xeito de estar no mundo, de parar, mirar e compartir.”
🗓️ Do 2 de outubro ao 30 de novembro do 2025
📌 Celas de mulleres – 2ª planta
