¡RECUERDA! Recuerda! RECUERDA!
Los monstruos de acero
ganaron la cota en cuesta
cambiaron los hombres sus huesos
en «TROFEOS DE GUERRA»
— Enriqueta Otero.
Hoxe, Día de Lembranza e Homenaxe a todas as Vítimas do Golpe Militar, a Guerra e a Ditadura, lembramos a Enriqueta Otero.
Criada baixo a tutela do seu tío Domingo Presas, cóengo en Mondoñedo, en 1924 entrou na Escola Normal de Mestras de Lugo, formada nas ideas da Institución Libre de Enseñanza.
Interina en San Cosme de Barreiros desde 1929, creou coas súas alumnas «O punteiro do carriño», un teatro popular que percorría vilas e aldeas. Máis tarde impulsou «O carriño», para achegar libros á xente, na liña das Misións Pedagóxicas. Nas oposicións brillou tanto que un tribunal publicou os seus exercicios en «Vida Escolar». Ademais, na guerra foi enfermeira voluntaria nas Milicias da Cultura.
En febreiro de 1946, a policía e a Garda Civil cercaron o piso de Lugo onde se agochaba como guerrilleira antifranquista. Resistiu ferida tres horas antes de ser detida. Estes muros foron o seu cárcere tamén e hoxe lembrámola nos #PersonaxesdeOVelloCárcere.
O franquismo arrebatoulle a súa praza de mestra e, un 31 de outubro, o de 1974, tras anos sen resposta ás súas peticións, restituíulla a catro meses de xubilarse. #TalDíaComaHoxe, outro 31 de outubro de 1989, morría en Lugo.
Fontes: Rodríguez Gallardo, Á. (2005), «Letras armadas. As vidas de Enriqueta Otero Blanco», Concello de Lugo / Fundación 10 de Marzo; Álbum de Galicia, Consello da Cultura Galega. (O libro pódese consultar en sala na nosa biblioteca).
Imaxes:
- Enriqueta Otero, secretaria da «Pasionaria» (1978/79). AHP Lugo, fondo Juan José, sig. 03-043 (Galiciana).
- Sentenza do consello de guerra, causa 75/1946. AGA, Alcalá de Henares (en Rodríguez Gallardo, 2005).
- Saída do cárcere. Arquivo persoal Carme Pérez (Álbum de Galicia).
- Milicias da Cultura. AGA, F01345, sobre 1 (en Rodríguez Gallardo, 2005).
- O Carriño. AHP Lugo (Álbum de Galicia).
- Charla «A muller na guerrilla», CFIG, Santiago (1981). CDIF-CCG, fondo MFOG (Álbum de Galicia).
