Eladio Martín Grados

#PersonaxesdeOVelloCárcere | #TalDíaComaHoxe 

Eladio Martín Grados

 

20 de xullo do 1936. Esa data marcou en Galicia o comezo dun dos episodios máis escuros da nosa Historia recente. Aínda que o golpe de Estado se producira o 17, non foi ata tres días despois que os militares sublevados, mediante unha implacable represión, destituíron ás autoridades republicanas aquí e tomaron o poder.
 
Lugo non foi alleo a esta onda de violencia sistemática que se desatou non só contra élites políticas e militares asociadas á República, senón tamén contra xente traballadora, campesiñado e militantes sindicais. Neste grupo atopábase o ferroviario cacereño Eladio Martín Grados (Casas de Millán, 1895 – Lugo, 1936) quen, tras chegar a Monforte no 1935, se unira ao Sindicato Nacional Ferroviario (UGT). Era un home sociable e comprometido coa loita pola xustiza social.
 
Durante os primeiros días da guerra decidiu quedar en Monforte, confiado en que un pacto de responsabilidades entre compañeiros protexería á súa familia. Non foi así. O 21 de agosto sería arrestado baixo acusación de rebelión, tras ser sinalado inxustamente como o líder da folga dos ferroviarios monfortinos do 19 de xullo. Sabemos, por un escrito do tamén represaliado Antonio López Barro “o Ruso”, que pasou os seus derradeiros días nesta Prisión, na cela 8 do módulo de mulleres.
 
Aínda que presentou testemuñas que defendían a súa inocencia, o tribunal militar condenouno sen piedade. O 29 de decembro Eladio foi fusilado nas tapias do cuartel da Garda Civil.
 
#TalDíaComaHoxe comezou o horror. 89 anos despois, fagamos un exercicio de reflexión e responsabilidade, pois recordar é un acto de xustiza e esperanza.
 
Fontes:
AVELLANEDA, F., Aproximación al sindicalismo ferroviario en Galicia: La Compañía del Norte, Fundación Luís Tilve, 2005
FIAÑO, C., O Vello Cárcere de Lugo (1936-1946), Revista Unión Libre, Nº 20, 2015
SOUTO, M. J., A represión franquista e as súas zonas de penumbra. Vítimas confirmadas e posibles en Lugo (1936-1940), 2011
 
📸1️⃣ Congreso do Sindicato Nacional Ferroviario en Monforte – Revista Fundación Luis Tilve (2007)
📸2️⃣ Eladio Martín Grados – Proxecto Nomes e Voces (UDC, USC, UVigo)
📸3️⃣ Expediente procesual de Eladio Martín Grados – Galiciana
O Vello Cárcere
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.