A historia de Domitila Gutiérrez Alba (Cervantes, 1926 – Becerreá, 2003), a #PersonaxesdeOVelloCárcere deste mes, é unha historia de represión familiar. Se realizamos unha busca dos apelidos “Gutiérrez Alba” na listaxe de María Jesús Souto Blanco (A represión franquista e as súas zonas de penumbra: http://www.lugo.es/cs/represion/listado.jsp), atopamos 7 fichas. Entre elas están as dos irmáns Abelardo, Jovino, Baldomero, Florinda e Domitila.
Todo comezou no ano 1936, como tantas outras historias de represión fascista.
🔴 O 20 de agosto de 1936, Juan Gutiérrez Santín, pai de Domitila, foi arrestado e asasinado. Os seus irmáns Abelardo, Baldomero e Jovino eran militantes da CNT e loitaron co exército republicano na fronte de Asturias. Jovino faleceu durante esta loita nos anos 30.
🔴 A súa nai, Consuelo Alba Digón, foi detida o 29 de abril de 1939 despois de botarse ao monte na procura dos seus fillos pola presión dos falanxistas. Neste mesmo ano, tanto Consuelo como Florinda e Domitila foron detidas nos Ancares. Afonso Becerra, quen foi amigo desta última, comenta o seguinte acerca desta detención: “Só recordo que me dixo que lle raparan a cabeza e que lle arrincaran as unllas, para que confesase o paradoiro do seu irmán.” A finais do 39, Florinda ingresou neste cárcere o 19 de novembro por “auxilio huidos”.
🔴 Con tan só 14 anos, Domitila foi arrestada novamente e traída a este cárcere o 27 de xuño de 1940 (imaxe 2). Catro días máis tarde, o 1 de xullo, as dúas irmás e a súa nai foron levadas ao Campo de Concentración de Figueres.
🔴 Os irmáns Abelardo e Baldomero marcharon para Francia en 1947 de xeito clandestino, para rematar finalmente en Venezuela. Consuelo exíliouse tamén no país galo.
🔴 En 1948, Domitila foi condenada a 20 anos e un día de reclusión por formar parte de partidas armadas, e en novembro de 1949, levada á Prisión Provincial de Mulleres de Madrid para traballar no Taller de Vestiario (imaxe 3). Ata entón, estivera agochada nun convento en Viveiro e mais en diferentes casas de aliados republicanos.
Finalmente Domitila regresou á Galicia, a Becerreá (Lugo), onde faleceu aos 77 anos de idade.
Fontes:
📖 e 📷 “Domitila e a fenda baixo os pés”, Nieves Neira. El Progreso: https://www.elprogreso.es/articulo/a-montana/domitila-fenda-baixo-pes/202212291441311627920.html
📖 e 📷 Arquivo Galiciana. Expediente procesual de Domitila:
