Saltar ao contido

‘DIÓXENES’

‘DIÓXENES’

‘María Fortes Blanco: A diferencia

Cecais, non é casual que a figura da nosa artista poña en contacto dous nomes e dous períodos que, cando menos sería raro teres asociado. Dióxenes e Duchamp conflúen na obra de María Fortes Blanco coma un vendaval para espertar de monotonías e indiferencias.

O mal entendido síndrome de Dióxenes desmóntase na propia actitude do filósofo cínico, tal é ter solo o necesario, principio básico que rexe a obra da nosa artista, onde esta economía é a intención que sobrevoa as esferas do consciente reflexivo. Esforzo, disciplina e tensión moral camiñan na obra de María ca naturalidade do discípulo de Antístenes. Do mesmo xeito que Duchamp crea os “ready mades”, obxectos cotiás separados do seu entorno habitual e presentados polo artista coma obras de arte, para entenderes a arte ca mente, a nosa creadora non repara no obxecto soamente, é capaz de alteralo e incorporalo a unha “primeira” necesidade, sen que, por iso, perda a pureza, a súa identidade, mimando a súa historia mesma, suxerinte e narrativa dende o seu ser, para que transcenda no propio discurso do/a espectador/a.

A variedade da proposta xoga tamén cos significados da contraposición, obxectos alterados en funcións disonantes que emerxen, ben da raíz do pobo, ben conformando estelas coloristas, case como mosaicos históricos ou materiais que descorren dende o natural ó artificial fabricado. A manipulación manual non escapa do carácter de taller, con acabados minuciosos que falan da intervención consciente, nuns casos evidente, noutros xogando ca sutileza do significado. María Fortes Blanco interpélanos no inmediato, non é un discurso de

espera, palpita e pregunta continuamente. Todo é esixencia para o espectador. Nada pode ser contemplado sen ser lido na forma e no fondo. 

Escudriñar na alma do proposto e subirse a unha dialéctica necesaria para impartires lecturas dende o intelectual ate o emocional inmediato; dúas rebeldías, dúas posicións enfrontadas co formalismo imperante que crean obras sen barreiras nin límites, onde a sátira, o paradoxo e incluso o humor, farían sorrir a ambas personaxes maridadas por María Fortes, nunha intelixente mostra de propostas, que engade o seu valor, na compartimentación propia da arquitectura que acolle a mostra para pararse na contemplación e análise. Dióxenes e Duchamp camiñan polo Ágora e os Bulevares sorrindo, sabedores da necesidade dese suxeito que rexeita o prescindible e mira no fondo de cada proposta para sentires palpitar o inanimado.’

Pedro Cabarcos Quintela (Historiador e crítico de Arte)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *