Espazo Didáctico

O Espazo Didáctico de O Vello Cárcere organiza un conxunto de actividades pensadas para facer deste espazo cultural un lugar de encontro socio-educativo e de reflexión con dous piares de traballo fundamentais: dunha banda, a difusión da historia do edificio, da memoria histórica e da arte e cultura contemporáneas que hoxe acolle; e doutra banda, os fondos da biblioteca do Centro, que xiran ao redor das temáticas do feminismo, da banda deseñada, da xestión cultural e patrimonial e, de novo, da memoria histórica. 

Durante os meses de xullo e agosto esta programación sofre cambios, polo que recomendamos visitar a nosa Axenda para estar ao día.

 

Espazo de Lecer

O Espazo de Lecer é un servizo innovador de conciliación familiar pensado para que nenos e nenas nados/as entre os anos 2016 e 2021, poidan xogar e aprender.

Dúas monitoras organizan diversas actividades lúdicas e educativas co obxectivo de que os máis pequenos coñezan a historia do edificio e as exposicións que alberga; afiancen unha serie de valores e traballen sobre a promoción da lingua, a reciclaxe e outras datas sinaladas. 

Horario

MAÑÁS:

  • 1ª quenda: 11:00 – 12:30h
  • 2ª quenda : 12:30 – 14:00h

TARDES:

  • 1ª quenda: 16:00 – 17:30h
  • 2ª quenda: 17:30 – 19:00h

Biblioteca

A Biblioteca de O Vello Cárcere ofrece unha programación de actividades anual relacionada cos fondos bibliográficos que alberga, que xiran arredor de temáticas como a memoria democrática, o feminismo, a xestión cultural e patrimonial, e de xéneros literarios como a banda deseñada.

Durante os meses de xullo e agosto esta programación sofre cambios, polo que recomendamos visitar a nosa Axenda para estar ao día.

Divulgación

O Espazo Didáctico realiza un labor divulgativo a través das redes sociais do Centro. O obxecto desta divulgación é recuperar figuras e historias relacionadas ca nosa memoria democrática e ca nosa cultura, tomando como base as exposicións permanentes deste espazo: «O Vello Cárcere. Da Guerra á Posguerra» e «Elas», de Aurora Marco. Dito traballo recóllese nas iniciativas dixitais #PersonaxesdeOVelloCárcere, #TalDíaComaHoxe, #ELAS e #SonsdaLembranza. Así mesmo, difúndense os fondos da Biblioteca a través da iniciativa #LibroSalvado.