Saltar ao contido

Día das letras galegas

🔵 Este ano celebramos a Florencio Delgado Gurriarán, natural de Córgomo, da comarca de Valdeorras. Florencio naceu o 27 de agosto de 1903 no seo dunha familia burguesa de clase media alta, eran profesionais do mundo agrario. Dende ben novo, foi amante da vida do rural galego, e en especial da súa aldea, chegando a considerarse ‘Korgomófilo’, seudónimo co cal firmaba algúns dos seus poemas. 

Debido ao traballo do seu pai, a partires de 1909, mudou en varias ocasións de residencia pero a conexión coa súa aldea seguía firme grazas aos veráns. O seu amor pola súa terra e pola súa lingua comezou a medrar coa distancia. Estudou a carreira de dereito en Valladolid e ao rematala retornou a Córgomo onde comezou a exercer. Era home de festexar, gustáballe xuntarse co seus amigos a bailar e cantar, pero a poesía tamén ocupaba outra parte importante dentro das súas paixóns. A través da revista A Nosa Terra descubre a outros autores, que coma el, exaltan as grandezas do noso pobo. Chegou a afiliarse ao Partido Galeguista e entablar amizade con Castelao e Alexandre Bóveda. 

Co Golpe de Estado do 36, Florencio fuxe de Córgomo cara Portugal e de alí a Francia. Dende a resistencia francesa organiza vías de escape para os republicanos. No ano 1939 coa derrota do bando republicano emigra a México a bordo do Ipanema. Contan que cando pasaron polas costas galegas despedironse cantando o himno galego e botando ao mar unha botella. Dende México fundou as revistas Saudade e Vieiros onde tiña un especial coidado coa narrativa. A súa inventiva levouno a crear un novo estilo de poemas que el denominou ‘Crioulos’ froito do seu intercambio cultural co pais de acollida. 

Tamén se converteu nun estandarte da loita contra o franquismo, tanto durante a guerra, como a posteriori dende o exilio a través da súa producción e de poemas como ‘Home Pequeno-Fol de veneno’.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *