🎶 Continuamos ca homenaxe á poesía popular oral co #SonsdaLembranza deste mes de maio.
➡️ Ano 1961. Un grupo de mozos/as italianos iniciaron unha viaxe por España. Eles conformaban o colectivo artístico coñecido como Cantacronache. O obxectivo desta expedición foi a gravación de cancións populares antifranquistas. Froito desta recollida xurdiu a publicación “Canti della nuova resistenza spagnola 1939-1961”, editado por Einaudi en Turín en 1962, que se materializou tamén no álbum “Canti Della Resistenza Spagnola”.
Tras publicar esta recompilación de cantares, dito colectivo foi xulgado e condenado no seu país por desprezo á relixión e por atacar a un xefe de Estado estranxeiro.
Neste percorrido, o colectivo italiano fixo parada en Galicia, onde gravou un cantar creado e interpretado por Celso Emilio Ferreiro, “Dende que Franco e Falanxe”. No álbum musical editado por Einaudi non aparece a gravación orixinal de Celso Emilio, posto que en moitas ocasións non foi posible facer os rexistros con calma e tranquilidade (coméntase que, no caso do poeta, a gravación realizouse nun taxi dando voltas ao redor dun castro); por outra banda, tamén se pretendía evitar que as persoas que colaborasen fosen identificadas pola policía franquista. Por estes motivos, o tema aparece interpretado pola bela voz de Margot.
Tal e como explica o ensaísta Xesús Alonso Montero, Celso Emilio bebe do vello cancioneiro da tradición oral á hora de crear esas catro coplas con ritmo de alalá (música popular moi recoñecida). Velaquí un extracto dunha cantiga tradicional:
Santo Cristo de Fisterre,
santo da barba dourada,
axudaime a remontar
a laxe de Touriñana.
Este é tan só un exemplo da politización de coplas populares, neste caso como forma de resistencia ante a opresión fascista.
📽️ Recentemente, o Cineclub Valle Inclán fixo posible a proxección en O Vello Cárcere de “La marsellesa de los borrachos”, un documental de Pablo Gil Rituerto que rescata e reconstrúe a andaina de Cantacronache. Nel recóllese unha fermosísima interpretación de Faia Díaz deste “Dende que Franco e Falanxe”.
Fontes:
- “La marsellesa de los borrachos” (2024), Pablo Gil Rituerto
- “ ‘La Marsellesa de los borrachos’ viaja a 1961 en busca de himnos contra la dictadura que se pueden cantar hoy”(25/02/2025), José Durán Rodríguez. El Salto: https://www.elsaltodiario.com/cine/pelicula-marsellesa-borrachos-canciones-populares-dictadura-franco
- “Cuando la inocente copla popular se politiza: de la derecha a la izquierda” (2002), Xesús Alonso Montero: https://selicuptry.wordpress.com/wp-content/uploads/2016/03/g2-alonsomontero.pdf
