En Galicia, a represión franquista exercida contra as mulleres a partir do golpe de estado de 1936 foi profundamente significativa.
Consideradas alleas á política, calquera muller que asumise un papel activo ou visible neste eido rompía unha orde social implícita. Por iso, aínda que moitas veces a persecución non adoptou formas xudiciais oficiais, si se manifestou mediante o descrédito, a humillación pública e o castigo exemplarizante. Máis ca sancionar feitos concretos, castigábase a transgresión.
Iso foi o que lle ocorreu á “Rabadela”, alcume baixo o que era coñecida en Viveiro Carmen López Parapar. Tiña 25 anos, era modista e presidenta da “Unión de Hermanas Proletarias Socialistas Femeninas” (creada en xuño de 1936). Sen antecedentes, foi denunciada pola Falange por supostos insultos e por erguer o puño trala detención do seu pai, e sentenciada a un ano de prisión.
Noutro proceso, acusárona de fabricar explosivos a partir de indicios febles (vírana levando botes baleiros de conserva) e o fiscal chegou a pedir a pena de morte. Finalmente, impuxéronlle 20 anos por “auxilio á rebelión” e, aínda que a senteza se revisou, a rebaixa foi menos favorable que no caso dos homes xulgados canda Carmen.
A súa historia demostra que a violencia franquista contra as mulleres foi tamén unha ferramenta para impoñer un novo sistema baseado na submisión e no silencio.
Fontes ⤵
📖 Proxecto Nomes e Voces.
📖 SOUTO BLANCO, M. J., Género y compromiso. Estudio de la represión judicial ejercida sobre la mujer a raíz del estallido de la sublevación militar del 20 de julio de 1936 en Lugo, SEMATA, Ciencias Sociais e Humanidades, ISSN 1137-9669, 2008, vol. 20: 243-266.
📖 SOUTO, M. J., A represión franquista e as súas zonas de penumbra. Vítimas confirmadas e posibles en Lugo (1936-1940), 2011.
