Exposición temporal «Xaque mate» – Beatriz Barcia

“A idea desta serie xorde como unha necesidade de xustiza pictórica. E para iso, quixen revisar os clásicos (Velázquez, Goya, Artemisia Gentileschi, Théodore Géricault). E as e os contemporáneos que tivesen traballado temas sociais. Quixen renderlles unha homenaxe adaptando algunha das súas obras á sociedade actual.

Esta serie trata temas como os desafiuzamentos, as guerras e as súas consecuencias, o exterminio de Gaza, a violencia machista, as violacións en grupo, o patriarcado, a misoxinia, a discriminación das mulleres, a pederastia e a pedofilia, os recortes na educación, os paraísos fiscais, a corrupción, a crise económica, a lapidación, o burka e tantas historias de inxustiza.

Todas e todos temos un compromiso coa sociedade na que nos tocou vivir, temos o dereito e o deber de acadar unha sociedade máis xusta, igualitaria e libre, onde se respecten os dereitos humanos. E o compromiso e a solidariedade para que outras sociedades, diferentes á nosa, acaden eses dereitos. Tiven claro, dende o comezo, que utilizaría o taboleiro e as figuras do xadrez de xeito antropomórfico e que xogaría co «xaque mate» da vida. Posteriormente, as figuras do xadrez foron substituídas por figuras humanas, como unha maneira de reflectir a realidade social.”

Beatriz Barcia

«Beatriz Barcia non perde o tempo en procurar subterfuxios. A súa proposta é clara e consegue o efecto que procura: unha especie de xustiza pictórica. A dor expresada dun xeito case naif, o simbolismo potente das figuras, a representación dunha realidade que se desborda polos gumes da indecencia. Unha pintura de compromiso, de vontade de mudanza, de esperanza, malia as perdas, en que todo isto sexa un pesadelo do que espertaremos antes do xaque mate

Luz Darriba

 

📆 Do 11 de marzo ao 30 de abril do 2026

📌 Bloque de mulleres: 2ª planta

O Vello Cárcere
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.