Hoxe, 8 de agosto do 2023, cumpriría 104 anos Asunción Antelo (Seavia, Coristanco, 1919 – 2016), tamén coñecida como “A Rexoubeira de Bergantiños”.
Esta artista autodidacta e multidisciplinar desenvolveu as súas habilidades como regueifeira, tallista, oleira, canteira e escritora, aínda que non foi ata os 40 anos cando comezou a escribir os seus primeiros versos e a entregarse máis de cheo á súa faceta artística. Ata entón e dende moi pequena tivo que dedicarse plenamente a traballos da casa, como coidar do campo, do gando, fiar o liño…
Tamén chamada por moita xente “A Rosalía da Costa da Morte”, Asunción afirmaba ter nacido antes de tempo, ao non vivir plena liberdade para o seu desenvolvemento artístico e creativo.
Cas súas mans foi erguendo en 1998 o seu propio museo para, como ela ben dixo, “deixar un recordo de que pasei por este mundo”. Por desgraza, esta casa-museo atópase actualmente pechada, mais a obra de Aurora Marco, “Elas”, axuda a manter vivo ese recordo. 
Desta vez contamos cunha boa tropa de axudantes para poder deixarvos dispoñible a súa biografía na vitrina desta exposición. Animámosvos a que vos acheguedes e descubrades un pouco máis a fondo a súa historia. 

Pingback: María Baña Varela – O Vello Cárcere