Anuncia Rodríguez Maceda (á esquerda na fotografía), entrou presa neste cárcere #TalDíaComaHoxe 85 anos atrás, o 12 de maio de 1939. Por desgraza, este foi tan só un dos múltiples padecementos que tivo que afrontar. Anuncia foi un dos exemplos da represión que se sufriu na “Casa do Inverno”, máis tamén no municipio do Incio, de onde era natural.
Ao pouco de estalar a Guerra Civil, formáronse grupos paramilitares simpatizantes do bando sublevado coñecidos como “escuadras negras”, moitas veces apoiados por terratenentes locais, que se encargaban de exercer a violencia. Segundo a familia de Anuncia, a escuadra negra de Eirexalba (aldea do Incio) foi a causante do asasinato do seu marido, Jesús Casas González “O Inverno”, o 6 de agosto de 1936 e, tres días máis tarde, do asasinato do seu irmán, Ramón Rodríguez Maceda.
Pouco antes de rematar a guerra, o 11 de maio de 1939, a Garda Civil asaltou a “Casa do Inverno” na procura de varios fuxidos. Este enfrontamento saldouse con varias mortes, entre elas a da nai de Anuncia, Carmen Maceda Macía, a consecuencia das feridas que sufriu.
A propia Anuncia e o seu irmán Antonio Rodríguez Maceda foron conducidos ao cárcere de Lugo tras este episodio, cumplindo Antonio unha condena de case 5 anos. Anuncia enfermou de tuberculose estando presa e, finalmente, faleceu no hospital en xaneiro de 1941. A ela dedicámoslle este #PersonaxesdeOVelloCárcere.
Coñecemos estas historias grazas aos esforzos levados a cabo por fillas e netas do matrimonio de Anuncia e “O Inverno”. Unha das súas catro fillas, Aurelia Casas Rodríguez (a pequena do sombreiro na imaxe), deixou constancia de todo este sufrimento nas súas memorias; a súa neta Isabel Mao, xunto coa Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica – ARMH, loitou pola busca e exhumación dos restos do seu avó, mais non puideron ser recuperados.
Se queredes profundizar máis nas súas historias, velaquí as fontes consultadas :
Anuncia Rodríguez Maceda, Inés Casas Rodríguez, Aurelia Casas Rodríguez e Jesús Casas González ‘O Inverno’ en 1928 en Cuba. (Foto: Arquivo Isabel Mao Casas): https://www.nosdiario.gal/…/20210909000002128390.html
Torna, Cilia (13 de setembro do 2021). As actas do martirio da ‘Casa do Inverno’. “Nós Diario”. https://www.nosdiario.gal/…/20210909000002128390.html
C. Alonso, Rita (30 de agosto do 2018). O Inverno, un labrador señalado. “El Progreso”: https://www.elprogreso.es/…/201808302137361331194.html
Souto Blanco, María Jesús (2011). “A represión franquista e as súas zonas de penumbra. Vítimas confirmadas e posibles en Lugo (1936-1940): http://www.lugo.es/cs/represion/ficha.jsp?id=3897&tipo=1…