Grazas a unha carta escrita pola súa neta, hoxe coñecemos a historia de Antonio Freije Freije, o noso #PersonaxesdeOVelloCárcere deste mes de agosto e antigo Tenente de Alcalde do municipio asturiano de Santalla de Oscos.
En xullo de 1936, Antonio e seis compañeiros máis decidiron voar polos aires a ponte do lugar de Mazonovo, tratando así de evitar que as tropas do bando sublevado chegasen a Asturias dende Galicia.
Acusado de rebelión por este acto e sabéndose perseguido, fuxiu aos montes. Posto que a voladura da ponte non supuxera ningún delito de sangue, unha persoa da súa confianza aseguroulle que podía tornar á vila e entregarse, que non correría perigo. E iso fixo o 10 de agosto dese mesmo ano, non sen antes pasar polo barbeiro. Alí mesmo foi detido. Leváronno á Fonsagrada e nunca máis se soubo del.
Foi en maio de 1982 cando a familia se enterou de que, sete días despois de ingresar neste Cárcere, #TalDíaComaHoxe fai 87 anos, o asasinaron preto do cemiterio de Magoi ás 6 da mañá. Descubrírono grazas a un artigo publicado pola revista “Interviú” sobre represaliados, no que aparecía o nome de Antonio como fusilado na cidade de Lugo.
Pese ao desacougo e desamparo que supuxo a súa perda para os familiares, en palabras da neta Gloria Freije Bousoño: “Si hubo algo precioso en esta historia, es que los hermanos siempre permanecieron unidos”.
Fontes:
– Arquivo Dixital do Vello Cárcere de Lugo: www.memoriarevelada.es
– SOUTO BLANCO, M. J., A represión franquista e as súas zonas de penumbra. Vítimas confirmadas e posibles en Lugo (1936-1940), 2011: www.lugo.es/cs/represion/listado.jsp
: Exposición permanente “O Vello Cárcere: da Guerra á Posguerra”