Os danos derivados dun conflito bélico non só se miden en vidas. Tamén en consecuencias emocionais e culturais profundas, nas que o Patrimonio xoga un papel identitario esencial. Durante a Guerra, gran parte do noso Patrimonio Cultural sobreviviu grazas a figuras como a do pintor Timoteo Pérez Rubio (Badaxoz, 1896 – Río de Janeiro, 1977), de cuxo nacemento se cumpriron onte 130 anos.
Como Presidente da “Junta Central del Tesoro Artístico Nacional”, a súa actuación adquiriu unha dimensión histórica ao coordinar a custodia e evacuación de numerosas obras de arte dende o comezo da guerra. Foi unha operación sen precedentes, determinada pola República nun contexto de urxencia para salvar o Patrimonio dos bombardeos e da pillaxe.
Intentando evitar a fronte de guerra, os bens foron saíndo paulatinamente de Madrid cara Valencia e posteriormente a Cataluña, ata que Barcelona caeu en mans sublevadas a comezos de 1939. A partir dese momento, entre o 4 e o 12 de febreiro, trasladáronse máis de medio milleiro de pinturas, xunto con 180 debuxos e pezas das Artes Decorativas fóra do país nun percorrido cheo de dificultades e riscos (ataques aéreos, duras condicións metereolóxicas e un éxodo masivo da poboación). O legado atravesou Francia para chegar finalmente a Suíza, onde quedou baixo a protección da Sociedade de Nacións ata a fin da contenda.
No 1940, exiliado por participar na loita antifascista, Timoteo Pérez Rubio abandonaba Europa dende Burdeos, rumbo a Brasil. O seu labor e compromiso coa cultura amósanos que coidar da nosa herdanza cultural é coidar dun vencello que axuda a unha sociedade a recoñecerse, mesmo despois da guerra.
Fontes bibliográficas:
SAAVEDRA ARIAS, R., El patrimonio artístico español durante la guerra civil (1936/1939), Universidad de Cantabria, 2013.
MUSEO NACIONAL DEL PRADO: www.museodelprado.es/aprende/enciclopedia/voz/perez-rubio-timoteo/315268cd-d675-4c20-8a76-75b4d9cd8664
📷1️⃣ Willy López e Félix Méndez, CulturaBadajoz.com – Retrato de Timoteo Pérez Rubio
📷2️⃣ Donación Vaamonde, IPCE, Ministerio de Cultura y Deporte – “Camión militar cedido para el transporte de obras del Museo del Prado. Madrid 23 de julio de 1937”.
