A pesar de contar con tres nomes, a Alfonso Daniel Manuel Rodríguez bástalle cun só apelido para resoar nos ecos da nosa historia: Castelao. Na súa honra proclamouse o Día da Ilustración en Galicia (30 de xaneiro) pois, #TalDíaComaHoxe no ano 1886, nacía esta prolífica figura: médico de profesión mais tamén destacado escritor, político e debuxante.
📻 Para este #SonsdaLembranza rescatamos un poema que lle dedicou Darío Xohán Cabana, e que foi musicalizado por Suso Vaamonde. Unhas verbas cheas de pesar polo exilio ao que Castelao se viu abocado por mor da Guerra Civil e do franquismo, primeiro en Nova York e finalmente e ata a súa morte (1950), en Bos Aires. Dende alí convertiuse no máximo impulsor do Consello de Galiza, un organismo político de Galicia no exilio por medio do cal poder representar a vontade do pobo galego.
✏️ O Día da Ilustración trátase dunha iniciativa coa que reivindicar o seu legado como debuxante, mais tamén é unha forma de homenaxear o traballo doutras figuras destacadas da ilustración galega, como é o caso de Xosé Vizoso neste 2025. Podedes atopar máis información no sitio web https://diadailustracion.gal/ .