Alberto Cardero Marión naceu en Arxentina no ano 1909. Fillo de migrantes (nai francesa e pai galego), a familia asentouse finalmente en Galicia, primeiro en Ourense e despois en Lugo. Alberto era veciño da Ronda de Santiago e traballaba como auxiliar de farmacia, algo que lle viña de familia pois seu pai, Arturo Cardero, exercía como farmacéutico.
Alberto tamén foi dirixente do Partido Comunista, ocupando o posto de Secretario Xeral do Partido en Lugo. Aos poucos días do golpe de Estado de 1936, concretamente o 22 de xullo, foi detido e encarcerado neste cárcere, onde permaneceu durante case sete meses. A súa única e derradeira saída tivo lugar o 13 de febreiro de 1937 para facer efectiva a súa condena a morte. Alberto tiña 27 anos cando isto ocorreu.
