‘ACCIÓN LAXEIRO’

“Buscador de formas, animador de ideas, fabulador coas súas fantasías da Romea, axitador da pintura, admirador de visitas versátiles, tanto contemporáneos como clásicos, coñecedor da historia da pintura e conversador animoso e persoal, Laxeiro non deixa indiferente a ninguén.

Contemplar a súa obra non pode ser unha sesión para o aburrimento, sentir a emoción nos seus debuxos con carbón, coas tintas, coa pintura é toda unha lección para a aprendizaxe e o deleite visual. A súa universalidade construída desde a paisaxe galega, que nunca esquece, danos mostra de que a súa presenza enche a arte galega contemporánea do século vinte sen deixar que a tipoloxía cotiá dos seus eidos galegos poña en evidencia a súa pintura: está por riba do trasunto típico, do folclore, da paisaxe e iso é algo que só aqueles que son universais son quen de levalo a cabo.

Nesta mostra que temos aquí diante, neste percorrido visual a modo dunha película en fotogramas, obra do fotógrafo Xurxo Lobato, permítenos ver con absoluta claridade o seu manifesto creativo, unha festa para os ollos que nos achega a figura dun dos artistas mais determinantes na historia da arte galega.”

Deste xeito define o Presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana, a figura de José Otero Abeledo “Laxeiro” (1908-1996), homenaxeado no “Día das Artes Galegas 2022”. O seu proceso creativo foi capturado en numerosas ocasións polo obxectivo do fotógrafo e académico Xurxo Lobato, e dende onte exhíbese nunha nova exposición monográfica: ‘Acción Laxeiro’.

A mostra, situada no corredor da planta baixa do bloque de mulleres, poderá visitarse ata o mes de outubro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará