Misión

Coñecer o noso pasado axúdanos a camiñar cara un futuro afastado das intolerancias que xa tiveron lugar. Por iso, compartindo e dignificando entre todas e todos cada unha das historias das vítimas da Guerra, poderemos tecer un presente e un futuro en comunidade.

Os obxectivos da campaña A túa Memoria son:

  • Implicar activamente á sociedade a reconstruír a memoria colectiva.
  • Incentivar a participación cidadá na vida cultural de O Vello Cárcere, creando lazos entre o pasado e   o presente.
  • Enriquecer o(s) relato(s) da exposición permanente e das actividades que ofrece o Centro en   relación á Memoria, ao Patrimonio Cultural e á identidade.
  • Crear comunidade vinculada ao Centro Socio-cultural O Vello Cárcere.

Calquera persoa pode converterse en mecenas da Memoria. Como? A través do voluntario depósito de obxectos, bens culturais, documentos ou testemuñas de interese patrimonial para a Memoria e a historia do Cárcere en relación coa cidade, especialmente durante as etapas da Guerra Civil e a Posguerra. Este proceso poderase levar a cabo a través dos réximes de cesión temporal ou doazón permanente.

O procedemento administrativo de entrega destes bens levarase a cabo a través da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

Converterse en mecenas da Memoria significa tomar parte activa na divulgación de coñecemento do pasado, así como na xustiza social, pero tamén implica contribuir ao tecido cultural e identitario da sociedade actual. Por iso, as persoas participantes nesta campaña verán recoñecido o seu labor coas seguintes compensacións:

  • Convite ao acto oficial de recepción dos bens culturais.
  • Convite á inauguración da ampliación da exposición permanente coa incorporación dos novos fondos.
  • Realización dun catálogo razoado das obras doadas en versión dixital, no que as persoas mecenas figuren como doantes e contribuidores á Memoria da nosa sociedade.
  • Visitas guiadas exclusivas para as persoas mecenas da Memoria dentro desta campaña.
  • Invitación ao desempeño de voluntariado cultural por parte das persoas mecenas a través de coloquios ou do obradorio “Construíndo a Memoria” que forma parte da Programación Continua de O Vello Cárcere.
  • Convite a actos relacionados coa Memoria que se programen no centro.
  • Creación dunha Asociación de Amigos de O Vello Cárcere.