Exposición temporal «Descubrindo os recunchos de Lugo» – Oniel Rodríguez López

A punto xa de comezar o segundo cuarto do século XXI, superada xa a vella polémica, hoxe coexisten no universo artístico as dúas grandes correntes; figuración e abstracción. A liberdade de creación acadada durante o pasado século constitúe unha histórica conquista á que non podemos renunciar. Hoxe convive o hiperrealismo co xestual, o xeometrismo postcubista co expresionismo, o puramente visual co onírico. Só resta que algunhas persoas despistadas comprendan, dunha vez, que tan contemporánea é unha obra abstracta conceptual coma un cadro figurativo tomado do natural.

Despois de percorrer boa parte da obra recente de Oniel, cremos adiviñar a impresión reconfortante que el debeu sentir ao pasear polas rúas da nosa cidade, acabado de chegar a Lugo procedente da Habana, o seu lugar de nacemento. Porque, efectivamente, a unha persoa que naceu e medrou no conxunto histórico de La Habana Vieja, onde se conserva unha ampla mostra da arquitectura colonial española, teralle resultado fácil sentirse identificado coas nosas rúas e prazas, os nosos costumes e tradicións.

Inmediatamente (e apaixonadamente, diría eu), dispúxose a iniciar unha serie de augadas e acuarelas nas que recolle recunchos entrañables da nosa cidade. Composicións e encadramentos moi coidados, resoltos con soltura e precisión técnica, apoiado sempre no seu dominio do debuxo, dan como resultado esta espléndida colección que agora nos mostra. No seu conxunto, cremos que o autor conseguiu transmitirlle ao público espectador aquelas sensacións que el mesmo percibiu diante dunha realidade que persiste historicamente, a pesar da especulación e os erros urbanísticos cometidos a través do tempo. Oniel, desde a súa obra, convídanos a que perseveremos no coidado e conservación da nosa bimilenaria cidade, na que se sente moi integrado. Que así sexa.

Non obstante, por moi realista que nos pareza unha obra, non estaría de máis que nos acordásemos daquilo que dicía Ortega y Gasset: “A única realidade que pode existir nun cadro é o cadro mesmo”.

Gonzalo Sánchez Folgueira


📆De xuño a agosto do 2025
📌Bloque de mulleres – primeira planta

O Vello Cárcere
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.