Saltar ao contido

Mulleres Creadoras: Concepción Arenal

Concepción Arenal, nada en Ferrol no 1920 e finada en Vigo no 1893, é unha das grandes referentes da nosa Historia, ademais de ser considerada unha das pioneiras do feminismo español. Procedente dunha familia ilustrada, viviu a perda temperá do seu pai, un alto cargo militar contrario ao rei absolutista Fernando VII, que verá quebrantada a súa saúde polas diversas ocasións nas que estivo no cárcere.

Despois da morte do pai, Concepción, a súa nai e as súas dúas irmáns trasladaranse a Cantabria, onde vivirán cinco anos xunto coa a súa avoa paterna, que se encargará de que as nenas reciban unha férrea educación católica. Será neste breve período cando Concepción sufra outro duro golpe ao perder a súa irmá Luisa.

Tras isto, ela, a súa nai e a súa irmá Antonia instálanse en Madrid, onde comeza os seus estudos nun colexio feminino. Pero a súa vontade de aprender levouna a desafiar  á sociedade, chegando a acudir á Universidade disfrazada de home para poder estudar. Unha vez descuberta, a súa determinación fronte ás autoridades reitoras permitiulle finalmente ser aceptada ao superar un exame de acceso.

Dende entón, participará en faladoiros políticos e literarios (de novo facéndose pasar por home), e ademais, xunto ao seu marido, o escritor Fernando García Carrascos, publicará artigos en diferentes xornais, sempre baixo pseudónimo. Así e todo, a morte de Fernando e a promulgación da lei que esixía asinar os artigos co verdadeiro nome, obrigárona a marchar cos seus fillos de Madrid.

Será en Cantabria onde entre en contacto coas Conferencias de San Vicente de Paúl, unha asociación relixiosa que realizaba labores humanitarios nas que Concepción comeza a colaborar. Unha destas misións, e pola que se converte na primeira muller en España que ostenta o cargo de Visitadora de Cárceres, consistiu na mellora da situación das presas e presos, iniciativa quizais motivada pola experiencia do seu pai. Froito disto escribiu Carta a los Delincuentes, obra coa que denunciou as vexacións e as malas condicións destas persoas, e que lle valeu a destitución do posto.

Outro dos temas que tratou é a situación da muller, e especialmente, o dereito desta á educación, reflectido en obras como: La Mujer del Porvenir, La Educación de la Mujer ou El estado actual de la mujer en España. Pero tamén abordará cuestións como a abolición da escravitude no texto de irónico título Oda a la eslavitud e, sobre todo, debe ser nomeado o libro El Visitador del Pobre, que foi traducido a varios idiomas.

Para máis información:

CABALLÉ, Anna. (2018). Concepción Arenal (Colección españoles eminentes), España: Taurus.

CONSELLO DA CULTURA GALEGA: http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=193

LÓPEZ SOUTO, Á. (2004) Concepción Arenal. A Coruña. Baía.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *