Saltar ao contido

Historia

Fachada principal a comezos do século XX

O Antigo Cárcere do Partido Xudicial de Lugo é un fermoso edificio proxectado polo arquitecto Nemesio Cobreros y Cuevillas en 1878 e situado na zona da Mosqueira da Muralla de Lugo (Patrimonio da Humanidade).

Trátase do segundo Cárcere Modelo de España, seguindo os criterios de mellora do primeiro exemplo madrileño. Estaba habitada por homes e por mulleres, quen, a pesar de estar no mesmo recinto, apenas se vían e eran controlados dende o centro dun impresionante espazo circular que se deseñou segundo os postulados do panóptico de Benthan.

A súa construción, realizada entre 1882 e 1887 e concibida como penitenciaría menor e xulgado, foi financiada pola Deputación de Lugo, quen a erixe para substituír ao vello cárcere de Obispo Armañá.

A intención principal, e obxectivo primordial, era o de mellorar as condicións de hixiene, comodidade e moralidade dos presos.

A prisión organizábase en tres edificios dentro dun rectángulo murado de 40×35 metros, con garitas de vixilancia nas catro esquinas.

O cárcere mantívose en uso desde a súa apertura en 1887 ata o seu peche definitivo en 1981.

 

Fachada principal (1920-1930)
OVC_plano ano 1878
Plano proxectado por Nemesio Cobreros 1878

O primeiro edificio de planta rectangular funcionaba como Administración e Xulgado de Instrución. Era a porta de entrada ao recinto da prisión e, en orixe, só tiña unha planta baixa. Posteriormente, no ano 1945, realizouse unha ampliación e foron engadidas as dúas plantas superiores para acomodar aos traballadores do cárcere. 

O segundo edificio é o módulo das presas e dos presos e contempla dous espazos diferenciados: un de planta rectangular onde estaban situadas, ao longo dos andares superiores, as celas das mulleres; e outro de planta semicircular (o panóptico), onde se atopaban as celas dos homes. En total, 56 celas individuais entre homes e mulleres, 6 calabozos e 11 celas de castigo.

O espazo exterior entre o segundo edificio e o terceiro foi dividido en dous, cun corredor cuberto que comunicaba o acceso entre estes dous edificios.

O terceiro edificio era onde se situaban as estancias dos servizos de enfermaría,  cociña,  almacéns e  sala de autopsias.