Exposición temporal “Peinó 100”

A pasada semana tivemos a honra de inaugurar “Peinó 100”, unha mostra retrospectiva do artista lucense Luis Ferreiro Peinó (Lugo, 1921-2004) que constitúe unha homenaxe ao centenario do seu nacemento.

A traxectoria de Peinó estivo intimamente vinculada á madeira dende ben cedo. No 1938 estreouse como tallista, compatibilizando dita profesión coas súas inquedanzas artísticas. Se ben comezara formándose na academia de debuxo de Rafael Estrada, a evolución da súa técnica escultórica sería máis ben autodidacta, dando como resultado unha obra persoal e única, que ademais abrangue materias como a cerámica, a escaiola ou o pirogravado.

Na exposición, instalada no primeiro andar do bloque de mulleres, exhíbense un total de 60 pezas procedentes de coleccións particulares e públicas das diferentes etapas. Pero ademais, o visitante poderá coñecer máis de preto o lado persoal do artista a través de obxectos persoais como cadernos, as súas ferramentas de traballo ou caricaturas a el realizadas.

Unha mostra de especial importancia no eido artístico e cultural da cidade, que poderá visitarse ata o 7 de xaneiro de 2022.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *