Saltar ao contido

Exposición ‘O traxe festivo da muller aldeán nas terras de Lugo’ de Traxandaina

Os domingos, os días de feira, as misas, ou as vodas, eran os momentos nos que a xente que vivía na contorna das vilas e as cidades, aproveitaban para acudir a estas, e así vender, mercar e tamén desfrutar da quebra da monotonía semanal que supoñían estes acontecementos. Froito do gozo dos domingos e dos días de festa, temos en galego os adxectivos domingueiro e domingueira, que como indica o dicionario da Real Academia Galega, cando son dirixidos cara unha persoa, teñen un valor pexorativo.

Da importancia que tiñan estas festividades que marcaban a vida da sociedade, é unha boa testemuña a exposición O traxe festivo da muller aldeán nas terras de Lugo. Unha  mostra que  nace a partir dun longo, paciente e mimado traballo de recompilación e investigación, que foi realizado polo obradoiro artesán Traxandaina, o cal ten a súa sede na cidade de Lugo.  

A exposición conta cun total de 14 traxes de garda, que eran as mellores prendas das que dispoñían as mulleres que os usaron, entre finais do século XIX e comezos do século XX. Por iso, estes só eran postos nos momentos máis importantes na vida da vila.

Para a súa realización, Traxandaina empregou  orixinais e reproducións de diferentes pezas que foron recompilando polas vilas e pobos que conforman as Terras de Lugo. Unhas pezas que chegaron ata os nosos días, grazas á custodia que fixeron delas as descendentes das mulleres,  que os usaron hai xa máis dun século, conscientes do que significaron eses traxes para as súas nais, avoas ou bisavoas.

O traxe festivo da muller aldeán nas terras de Lugo  é unha mostra itinerante organizada polo grupo El Progreso, no eido do programa ‘O teu Xacobeo’ da Xunta de Galicia, que ten como último emprazamento O Vello Cárcere, onde a poderedes visitar no noso patio ata o día 17 de Maio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *