Saltar ao contido

Chega a O Vello Cárcere “Mulleres Resistentes”

Esta exposición promovida pola Asociación da Memoria Histórica, céntrase no papel das mulleres na loita contra o fascismo. Un papel que a miúdo é esquecido pola historiografía, pero sen o cal é imposible entender os movementos de resistencia, e os avances na consecución dos dereitos da muller que tiveron lugar neste período.

É esta a razón que motiva a creación da mostra “Mulleres Resistentes”, pois con ela preténdense dar a coñecer a varias das mulleres que loitaron contra o fascismo,  a través das armas, da arte, dos coidados, ou resistindo en campos de concentración e cárceres. Realizando deste xeito, un mapa da memoria da resistencia en Europa.

A través dos seus paneis falaranos de mulleres xa coñecidas por nós, como Enriqueta Otero, guerrilleira de Miranda que foi encarcerada en O Vello Cárcere. Pero tamén doutras relacionadas coa loita contra o fascismo en España, como: Dolores Ibáurri (A Pasionaria), Federica Montseny, Lucía Sánchez Saornil, ou Matilde Landa entre outras. Porén, a mostra non finaliza aí, xa que tamén contextualiza e dá exemplos, da loita e padecemento da represión fascista, que algunhas mulleres viviron noutros lugares da Europa como: Louise Weeis na Francia de Vichy participando na Resistencia, Rita Maioretti na Italia de principios dos anos 20 asediada polos comezos do fascismo, ou Ruth Andreas-Friedrich dando apoio e acubillo a persoas represaliadas e perseguidas polo Nazismo. 

Esta mostra itinerante que viaxará por diversos países europeos, estará dispoñible en O Vello Cárcere, desde o día 3 de decembro ata o 5 de xaneiro de 2022.

Pero ademais, o día 11 de decembro teremos dous eventos moi especiais relacionados con esta mostra. En primeiro lugar ás 17:30h. celebrarase un coloquio no que participarán diversas expertas que colaboraron na confección da mostra, así como outras investigadoras do ámbito. Por último, ás 19:00h. terá lugar un encontro no que participarán familiares de mulleres que se enfrontaron ao fascismo.

Non volo perdades!

Se queredes saber un pouco máis sobre a mostra deixámosvos o enlace a súa web: https://mujeresresistentes.eu/

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *