Campaña “A Túa Memoria”

«A nosa identidade fundaméntase na longa memoria colectiva» – Umberto Eco, 1998.

Sustentada nesta idea nace A túa Memoria, unha campaña dixital e aberta que lanzamos dende O Vello Cárcere co principal fin de divulgar, visibilizar e sensibilizar sobre a nosa Historia máis recente.

A túa Memoria é, polo tanto, un proxecto que procura involucrar á cidadanía no proceso de recuperación e restablecemento da súa propia memoria, que ademais constitúe a principal razón de ser de O Vello Cárcere. Neste senso, a campaña apunta a enriquecer os fondos e o relato expositivo do Centro, a través de novas incorporacións de bens culturais.

Por que? 

Coñecer o noso pasado axúdanos a camiñar cara un futuro afastado das intolerancias que xa tiveron lugar. Por iso, compartindo e dignificando entre todas e todos cada unha das historias das vítimas da Guerra, poderemos tecer un presente e un futuro en comunidade.

 Para que?

Os obxectivos da campaña A túa Memoria son:

    • • Implicar activamente á sociedade a reconstruír a memoria colectiva.
    • • Incentivar a participación cidadá na vida cultural de O Vello Cárcere, creando lazos entre o pasado e   o presente.
    • • Enriquecer o(s) relato(s) da exposición permanente e das actividades que ofrece o Centro en   relación á Memoria, ao Patrimonio Cultural e á identidade.
    • • Crear comunidade vinculada ao Centro Socio-cultural O Vello Cárcere.

Como participar?

Calquera persoa pode converterse en mecenas da Memoria. Como? A través do voluntario depósito de obxectos, bens culturais, documentos ou testemuñas de interese patrimonial para a Memoria e a historia do Cárcere en relación ca cidade, especialmente durante as etapas da Guerra Civil e a Posguerra. Este proceso poderase levar a cabo a través dos réximes de cesión temporal ou doazón permanente.

O procedemento administrativo de entrega destes bens levarase a cabo a través da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

Cales son os beneficios de ser mecenas da Memoria?

    • • Converterse en mecenas da Memoria significa tomar parte activa na divulgación de coñecemento do pasado, así como na xustiza social, pero tamén implica contribuir ao tecido cultural e identitario da sociedade actual. Por iso, as persoas participantes nesta campaña verán recoñecido o seu labor coas seguintes compensacións:

    • • Convite ao acto oficial de recepción dos bens culturais.
    • • Convite á inauguración da ampliación da exposición permanente coa incorporación dos novos fondos.
    • • Realización dun catálogo razoado das obras doadas en versión dixital, no que as persoas mecenas figuren como doantes e contribuidores á Memoria da nosa sociedade.
    • • Visitas guiadas exclusivas para as persoas mecenas da Memoria dentro desta campaña.
    • • Invitación ao desempeño de voluntariado cultural por parte das persoas mecenas a través de coloquios ou do obradorio “Construíndo a Memoria” que forma parte da Programación Continua de O Vello Cárcere.
    • • Convite a actos relacionados coa Memoria que se programen no centro.
    • • Creación dunha Asociación de Amigos de O Vello Cárcere

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *